A Fundación Telefónica analiza o estado da Sociedade da Información en España en 2013

mércores, 15 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

A Fundación Telefónica vén de publicar a 14ª edición do seu informe sobre a Sociedade da Información en España, para dar conta do desenvolvemento que este ámbito tivo nas nosas vidas, de xeito que os servizos TIC que hai unha década viamos como unha grande novidadade, agora pasan desapercibidos, destacando 2013 como o ano no que de despregaron as redes de nova xeración tanto fixas (fibra óptica) como móbiles (LTE), dando pé a unha etapa na que as conexións de calidade e os servizos en mobilidade continuarán a gañar peso.
O informe pode descargarse íntegro en formato PDF (ou EPUB), o que permítenos incluso ver algúns datos por comunidades autónomas. Deste xeito podemos ver como o informe sostén que en 2013 o número de fogares galegos con acceso á Rede é do 64,7%, o 65,3% dos galegos terían accedido á Internet nos últimos 3 meses e o 21,2% dos galegos terían realizado algunha compra na Rede no último trimestre (sorprendendo que este último dato sexa lixeiramente peor que o rexistrado en 2012). Se atendemos ás empresas galegas, o 99,3% con máis de 10 empregados terían banda larga, o 64,4% tamén contarían con páxina web e o 25,6% participaría dos medios sociais; aínda que se miramos ás empresas de menos de 10 empregados temos que o acceso á Rede limítase ao 64,9% e o número de pequenas empresas con acceso á Internet e páxina web sería de só o 28,1%.
Sorprende ver o contraste entre a fenda dixital existente entre as pequenas empresas galegas coas do resto de España e a modernización da Administración, pois mentres no ámbito privado estamos nunha situación mellorable, a Administración autonómica galega destaca polos avances na súa dixitalización, chegando a ser Galicia a segunda comunidade autónoma no uso da eAdministración para obter información e descargar formularios oficiais por parte da cidadanía.


Vídeo promocional do informe no que destacan algúns dos datos máis relevantes a nivel estatal

PUBLICIDADE