A Fundación TIC pon a disposición dos maiores lucenses 1.165 prazas en 87 cursos

venres, 7 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Suma e segue a formación tecnolóxico-dixital da Deputación de Lugo. Hoxe mesmo, a entidade que preside Darío Campos deu a coñecer o programa de obradoiros da Fundación TIC para a recta final de ano, un programa concibido para abranguer a meirande cantidade de xente e para avanzar novos pasos en materia de alfabetización dixital. De feito, vén con 1.165 prazas e un total de 87 cursos e obradoiros a impartir na sede do InLugo na cidade da Muralla e máis nas vilas e aldeas do rural.
Estes e outros datos viñeron da man do propio presidente Darío Campos, quen tamén fixo balance dos importantes froitos acadados ao longo de 2018 a través desta actividade dinamizadora e capacitadora, moi envorcada na xente maior. Segundo anunciou, este último trimestre de 2018 a Fundación TIC desprazarase novamente ao rural logo “do éxito rotundo dos cursos que se impartiron en diversos concellos da provincia na anterior edición do programa”.
Campos tamén lembrou que xa está aberto o prazo de inscrición nas actividades formativas en www.fundaciontic.org, www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 225 186.
Campos Conde, que estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o patrón da TIC e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, dixo que “desde o Goberno da Deputación apostamos un trimestre máis polo fomento do uso das novas tecnoloxías entre os lucenses de máis de 55 anos porque cremos firmemente na súa utilidade como unha ferramenta que axuda a mellorar a calidade de vida das persoas maiores”. O máximo responsable provincial anunciou tamén que, desta volta, as accións formativas levaranse a cabo nas últimas semanas de setembro e outubro.
Por outra banda, o titular da Deputación mostrou a súa satisfacción por ter comprobado “como os maiores do rural se animan cada vez máis a manexar o móbil e o ordenador”. Na súa opinión, tanto a Internet como diversas aplicacións son “especialmente útiles para as persoas que viven soas ou en localidades dispersas”, unha situación na que están moitos lucenses maiores, lembrou, engadindo a vontade da Deputación de renovar esforzos achegando as TIC á veciñanza, e non ao revés, co fin de que a xente non teña que desprazarse do seu lugar de residencia.
Novidades
Amais de todo o devandito, o presidente da TIC fixo saber que “este trimestre haberá varias novidades”, todas co nexo común de atender as demandas dos usuarios e actualizar coñecementos xa que, “no caso da novas tecnoloxías, os contidos cambian con moita rapidez”, sinalou. Entre estas novidades figuran a posta en marcha dun segundo nivel de Internet para buscas máis avanzadas e obradoiros de pedidos por Internet, cambio de contrasinais e copias de arquivos. Asemade, incluirase por vez primeira un curso de retoque e composición de fotografía por computador, que se suma ao que xa hai no móbil.
Por outra banda, e respondendo ás solicitudes das usuarias e usuarios, incrementarase o número de talleres de memoria, entre os que haberá unha actividade a desenvolver coa consola Xbox, e, ao abeiro da programación habitual, terán especial presenza os cursos de móbil e de aplicacións como Facebook, Instagram ou Whatsapp, que segundo lembrou o presidente contan con gran número de seareiros.
Inscricións
O presidente provincial aconsellou ás persoas interesadas en participar nestas accións formativas a “que se apunten canto antes”, xa que as prazas “quedan cubertas habitualmente ás poucas horas da apertura de prazo de inscrición”.

PUBLICIDADE