A Fundación TIC organizou 600 actividades de divulgación e formación en 2013

martes, 25 de marzo do 2014 Redacción

Onte aprobábase a memoria de actividades levadas a cabo en 2013 polo Padroado da Fundación TIC -dependente da Deputación de Lugo- na cal se incluían máis de 600 accións superando un récord, segundo verbas do presidente do organismo provincial e da TIC, José Ramón Gómez Besteiro. O mesmo presidente salientou que en 2013 se mantivo a gratuidade da matrícula por sexto ano consecutivo (agás para os repetidores) facéndose un esforzo en bolsas de inserción laboral. En cifras: 39 titulados da Escola de Imaxe e Son accederon ao mercado de traballo como bolseiros, ficando algúns deles incorporados ao cadro de persoal das empresas.
Asemade, na dita reunión o Padroado aprobou a conta anual do exercicio 2013 cun grao de execución do 98,12% do orzamento, que ascendeu a 1.777.455 euros, e o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria. A esta cantidade hai que engadirlle 1 millón de fondos europeos para o Plan de Promoción da Autonomía das Persoas Maiores da Provincia que xestionou a TIC a través dunha encomenda da Deputación.
Na xornada de onte tamén houbo lugar para as novidades, subliñando o Presidente provincial “a emisión en directo por internet de actividades promovidas pola Deputación e organizacións coas que colabora a TIC, a través de streaming”. Estas prácticas dos alumnos fixeron posíbel ver en directo e íntegras todas as sesións plenarias da Corporación e dar unha meirande proxección a actividades desenvolvidas na provincia como o Foro de Redes Sociais # InLugo, os tres días do Resurrection Fest de Viveiro, os Campionatos de Baristas de Foz ou o Concurso Lucus Intercentros.
En canto ás prácticas, dicir que o pasado ano aumentaron até 81 o número de acordos con senlleiras empresas a nivel nacional, que colaboran coa TIC como socios ou partnerships. A gravación e realización da Gala Lucus Moda (emitida en V Televisión), ou a gravación e montaxe de 8 programas para Telelugo (Decomprax), son algúns exemplos de traballos realizados por alumnos de prácticas. Dentro do seu modelo educativo, a Fundación “tamén apostou pola cultura do emprendemento, aportando as ferramentas e formación precisas para que os alumnos creen os seus propios proxectos, como foi o I Festival Itinerante de Balcóns Sonoros (FIBES)”, engadiuse.
De falarmos de convenios, cómpre sinalar que aumentouse nun 15,7% o número de convenios de colaboración con ONG’’s, asociacións culturais e deportivas e empresas TIC da provincia. Polo que se refire á promoción da cultura, o deporte e o turismo, a Fundación elaborou traballos audiovisuais que foron difundidos a través de axencias de novas nacionais, xornais dixitais e canles de televisión e emisoras de radio. As feiras de artesanía da Pontenova, Ferreira de Guntín e Parga e as festas da Faba de Lourenzá, As San Lucas de Mondoñedo, a do Queixo do Cebreiro e a do Viño de Amandi son só algúns exemplos.
Engadir, por último, que a Fundación emprestou apoio técnico a Concellos e entidades públicas e privadas para accións vinculadas ao sector multimedia, como xornadas e conferencias nos salóns de actos e de plenos, ou no Centro de Artesanía e Deseño. E, coa finalidade de que os lucenses coñezan de preto á entidade, en 2013 potenciouse o contido das visitas didácticas ás instalacións da Fundación, nas que arredor de mil alumnos e profesores de centros educativos da provincia fixeron as súas propias prácticas audiovisuais cos Ticodiarios, consolidándose a xornada de portas abertas Abertic.

PUBLICIDADE