A Fundación TIC mostrará o talento nos escenarios dos colectivos con diversidade funcional

martes, 23 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A Fundación TIC da Deputación de Lugo vai visualizar nas redes o importante labor creativo das persoas con diversidades funcionais ou cognitivas. Máis polo miúdo, dos colectivos de Viveiro e a súa contorna. Así o deron a coñecer hoxe a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e a concelleira de Cultura de Viveiro, Lara Fernández Noriega, na presentación do que sería o primeiro certame de teatro feito por persoas coas ditas capacidades diversas: o certame Superarte, que se vai celebrar do 24 ao 28 de outubro no municipio mariñán, organizado polo Goberno local co apoio do Goberno da Deputación. No acto tamén participou o coordinador do proxecto, Fabián Ben Conde.
López Izquierdo fixo saber que “o noso compromiso coa plena integración social de persoas con diversidade funcional é firme e demostrámolo no día a día, por exemplo incorporando nas diferentes programacións cláusulas coas que garantir a igualdade de oportunidades e favorecer a súa normal participación na sociedade”. Deste compromiso xorde precisamente o apoio a Superarte, dixo, explicando que se vai materializar a través da Fundación TIC coa difusión das diferentes actividades que se realizarán ao longo dos vindeiros catro días. O traballo da entidade, dependente da Deputación de Lugo, collerá corpo en diversas pezas audiovisuais, que atoparan plena difusión nas redes sociais e as diferentes canles do certame, e todo “co obxectivo de que cada vez máis persoas coñezan Superarte e os valores que representa”.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura subliñou que “como o propio nome indica Superarte pretende amosar aos públicos os valores de superación de todas as persoas e asociacións que forman parte da mostra teatral e poñer de relevancia os beneficios das artes como disciplinas integradores e elementos de cohesión social”.
Ademais de teatro, Superarte inclúe proxeccións cinematográficas, visitas guiadas, actividades de danza e a mostra Enfocando Historias, que acollerá a sala multiusos da biblioteca municipal, do 25 de outubro ao 16 de novembro.

PUBLICIDADE