A Fundación TIC forma nas vantaxes de Internet aos maiores de Castro de Rei

xoves, 28 de xuño do 2018 Redacción

A Fundación TIC da Deputación de Lugo imparte esta semana en Castro de Rei un dos 12 cursos cos que familiariza, neste segundo trimestre de 2018, ás persoas maiores do rural coas vantaxes e utilidades das novas tecnoloxías da información. Con motivo do desenvolvemento deste obradoiro en Castro de Rei, o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, mantivo este mércores un encontro cos participantes na actividade coa que, desta volta, introdúcense de cheo no mundo de Internet. O curso é de balde e celébrase na Escola Unitaria Ponte de Outeiro.
Vidal Baamonde dixo que “este é un dos varios e exitosos cursos que dende a Deputación de Lugo, por medio da Fundación TIC, levamos a cabo por toda a provincia para axudar aos nosos maiores a que se poñan ao día coas novas tecnoloxías”. E engadiu, facendo referencia ao potencial das ferramentas dixitais para mellorar a calidade de vida das persoas de idade: “Pensamos que a actividade é un estímulo para usar as novas tecnoloxías, facendo conscientes aos participantes das utilidades e dos beneficios que estas lles poden proporcionar”. O deputado salientou que este tipo de iniciativas “favorece a súa autonomía persoal, a adquisición de habilidades e a mellora e preservación das súas capacidades cognitivas e funcionais. O que buscamos con estes cursos é que todos os nosos veciños do rural teñan as mesmas posibilidades que os maiores das zonas máis urbanas”.
O obradoiro insírese no programa de alfabetización tecnolóxica da entidade lucense para o rural deste segundo trimestre de 2018. Os días pasados as actividades chegaron a concellos como Navia de Suarna, Foz, Xermade, Ribeira de Piquín, Baleira, Fonsagrada, Monforte e Pantón, amais da comarca da Mariña. En todas as citas estase a conseguir un alto nivel de participación, o que demostra, en palabras da Deputación, “o interese que hai por parte dos maiores sobre a utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”.
O cursos na provincia son sobre o uso do móbil e Internet, as materias máis demandadas polos usuarios do InLugo da TIC.
En total, este segundo trimestre achéganse 1.085 prazas nas 81 accións formativas que imparte a entidade, tanto na sede de seu como na provincia. Segundo explica o Goberno provincial, esta cifra supón un incremento do 60% con respecto á tempada anterior.

PUBLICIDADE