A Fundación TIC fai unha proclama para participarmos na andaina contra a violencia machista

xoves, 22 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Fundación TIC da Deputación de Lugo vai envorcar esforzos, estes días, en pór de relevo a importancia de erradicar a violencia machista. Deste xeito, a entidade súmase un ano máis á campaña En Negro contra as Violencias, e faino con varias actividades de divulgación e máis de concienciación social contra esta lacra dos crimes contra as mulleres. A actividade estrela é unha andaina do alumnado de primeiro de Produción da Escola de Imaxe e Son (Fundación TIC) de Lugo, a terceira edición da marcha En Camiño contra as Violencias. As e os participantes aproveitaron hoxe para facer unha proclama a prol da actividade e pecharmos fileiras, entre todas e todos, arredor desta mobilización.
A andaina levarase a cabo o venres, día 23, revéspera do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Segundo lembra a Deputación de Lugo, nas dúas primeiras edicións, centos de lucenses sumáronse a este proxecto do alumnado da Escola da TIC.
As e os participantes están convocados ás 11.00 horas na EIS (Escola de Imaxe e Son), onde se lles entregarán paraugas negros co logotipo da campaña, ao tempo que se proxecta un vídeo elaborado polo estudantado no que se recollen titulares de prensa relativos á violencia contra as mulleres. A marcha seguirá unhas frechas negras colocadas polas alumnos e alumnos Haberá varias paradas ao longo da andaina, entre elas, unha na Árbore da Vida da Praza de Santo Domingo, e rematará diante do Pazo de San Marcos. Durante o camiño, haberá diversas actuacións de sensibilización, denuncia e información así como tótems con tiras cómicas elaboradas polos propios alumnos.
Práctica en escenario real
En Camiño contra as Violencias recolle, por terceiro ano consecutivo, as propostas dos alumnos e alumnas de 1º de Produción da EIS, que se ocuparán tamén do desenvolvemento da marcha do día 23. Segundo engade a Deputación, trátase da primeira práctica nun escenario real para estas mozas e mozos da Escola, malia que apenas levan dous meses de formación. A entidade provincial salienta que a dita iniciativa require delas e deles “un complexo traballo de planificación e preprodución coa organización das diversas actuacións e actividades así como a elaboración de todo o material”. Ademais, o alumnado da TIC elaborou pequenos vídeos promocionais da marcha que xa se poden ver xa nas redes sociais nas que ten presenza a fundación.

PUBLICIDADE