A Fundación TIC envórcase cunha campaña para que ningún neno fique sen agasallo no Nadal

venres, 6 de novembro do 2015 Redacción

A Fundación TIC (Deputación de Lugo) deu a coñecer unha nova medida de seu a prol das organización sen arela de lucro da provincia. Máis polo miúdo, trátase dunha colaboración co colectivo Bonhomía, arestora mergullado no desenvolvemento da campaña Ningunha Árbore Baleira, encamiñada a conseguir que todas as nenas e nenos de Lugo teñan un agasallo este Nadal. Segundo fai saber o organismo provincial, un equipo de profesionais e bolseiros da Fundación TIC xa gravaron varias secuencias dun anuncio publicitario, coa participación de nenos e persoas maiores, na Praza Maior de Lugo. Unha vez editado, Bonhomía difundirá o spot na súa páxina web e nas redes sociais.
A colaboración da TIC complementarase coa realización de reportaxes sobre o desenvolvemento da campaña. A achega da Fundación é froito do convenio que ven de asinar con Bonhomía, para promover o seu labor de loita contra as desigualdades socioeconómicas, culturais, de xénero ou de calquera tipo, no ámbito da nosa provincia. Na actualidade son máis de 130 as organizacións que manteñen acordos de colaboración coa TIC, que facilitan aos alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son prácticas profesionais en escenarios reais, a prol da súa inserción no mercado laboral.

PUBLICIDADE