A Fundación TIC de Lugo abre a tempada de visitas para os centros de ensino

venres, 23 de outubro do 2015 Redacción

A Fundación TIC (Deputación de Lugo) vén de abrir oficialmente a cuarta tempada de visitas divulgativas ás súas instalacións. Estas visitas teñen por finalidade achegar as vantaxes e usos das novas tecnoloxías ao alumnado de Primaria e Secundaria, ademais de amosarlles aos escolares en que consiste o labor desenvolvido pola Fundación. Por outra banda, nas sesións de acollida tamén se lles informa dos estudos que importante a Escola de Imaxe e Son, en palabras da Deputación “o único centro público na provincia de ensino superior do eido audiovisual”. O primeiro grupo que participou nestas xornadas de portas abertas foi o CPEI Doutor López Suárez, de Escairón (O Saviñao). Acudiron 38 alumnos de primeiro e terceiro da ESO, acompañados de tres profesores do centro.
Segundo informa o organismo provincial, as alumnas e alumnos tiveron a oportunidade de percorrer as instalacións da Fundación TIC e presentar, tamén, o primeiro boletín informativo audiovisual (Ticodiario) da tempada, con información sobre os concellos dos centros participantes nas visitas. Nun plano máis xeral, os escolares puideron dar conta do labor cotián dun estudo de televisión (produción, edición, realización e postprodución de pezas audiovisuais) e recibiron información sobre as especialidades de Realización e Produción que imparte a EIS.
Lembrar que durante o curso 2014-2015 preto de 1.400 alumnos centros de Primaria e Secundaria da provincia, divididos en 53 grupos, participaron nas visitas didácticas ás instalacións da Fundación. Dende que comezaron os Ticodiarios, en febreiro de 2013, houbo un total de 103 visitas. Os centros interesados en participar na nova tempada, poden apuntarse chamando ao número de teléfono 982 206 225.

PUBLICIDADE