A Fundación TIC axudará a manter viva a memoria mariña de Viveiro

xoves, 27 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Fundación TIC da Deputación de Lugo vén de dar un novo paso a prol da historia dos concellos e das tecnoloxías que contribúan a preservala e a divulgala, unha liña de traballo da que teñen abrollado iniciativas tan salientábeis como a plataforma colectiva da Memoria Dixital de Lugo, o banco de recordos dixital aberto á participación de todas e todos os lucenses. O novo proxecto da Fundación materializarase na preservación da cultura pesqueira de Viveiro.
Para este concello, a entidade de formación e divulgación tecnolóxico-audiovisual elaborará diversos audiovisuais, unha serie de pezas que se integrarán en Vivemar, o proxecto sociocultural da Administración local para a promoción dos valores do mar e dos ríos do municipio, a través das testemuñas da veciñanza.
O presidente do Executivo provincial, Darío Campos Conde, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e o concelleiro do Mar, Jesús Fernández Fernández, acompañados por Lucas Requejo de Vivemar, presentaron este xoves esta colaboración, pola que a TIC gravará a testemuña dos protagonistas en primeira persoa.
Campos Conde anunciou que “esta colaboración arranca coa entrevista a Paco Alonso, armador e patrón de 94 anos que é todo un referente no porto de Celeiro”. O titular da Deputación engadiu que “ninguén mellor que este viveirense para contarnos como evolucionou Viveiro no último século. A través da súa experiencia vital e profesional de case cen anos podemos coñecer a transformación do sector pesqueiro e da propia sociedade viveirense. O audiovisual incluirá documentación gráfica e recollerá termos en desuso, como tipos de artes de pesca, entre outros”.
Campos Conde engadiu que “esta colaboración é unha proba máis de que a TIC está ao servizo dos lucenses e dos concellos. Somos útiles á provincia e, ademais, formamos aos futuros profesionais lucenses do audiovisual, xa que varios bolseiros da nosa Escola participarán na elaboración dos documentais”. Tamén dixo que con estes audiovisuais “contribuiremos a preservar e divulgar o noso patrimonio inmaterial, neste caso, a cultura mariñeira que forma parte do ADN dos viveirenses”.
Pola súa banda, a alcaldesa viveirense, María Loureiro, sinalou que con esta colaboración perséguense varios obxectivos. Primeiro, a través dela o documento pasará a formar parte do arquivo audiovisual da cidade. Segundo, sentaranse os alicerces para impulsar o ámbito educativo do Concello, coa súa proxección nas escolas e institutos da cidade. Por último, terá “unha finalidade turística”, xa que, sinalou, “a gravación servirá para achegar aos visitantes experiencias que os aproximan ao mar e a súa cultura”.
Paco Alonso
Paco Alonso, xunto ao seu irmán Ramón, foi armador do boniteiro Hermanos Alonso. Segundo destacaron hoxe o participantes na presentación, Paco é “un dos protagonistas directos do desenvolvemento da pesca na Mariña, da irrupción dos avances, o acceso aos novos caladoiros e da evolución dos barcos e da sociedade mesma”. Ademais, engadiron, é “unha estemuña privilexiada do que a pesca supuxo e supón para Viveiro, contribuíu coa súa achega ao que hoxe é o porto de Celeiro”. No documental da TIC fará un repaso pola súa vida, desde a súa nenez, cando pasaba a maior parte do tempo na praia de Celeiro, e os seus inicios na pesca, nun litoral tan difícil como o Cantábrico.

PUBLICIDADE