A Fundación TIC acolleu en 2017 a visita activa de 1.244 estudantes

martes, 3 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo vén de facer balance dos importantes froitos acadados en 2017 pola Fundación TIC (integrada na entidade provincial) en materia de acción divulgativa e xornadas de portas abertas. Segundo nos contan fontes da Deputación lucense a conto deste balance 2017, a Fundación mantivo o ano pasado o programa de visitas didácticas para achegar as novas tecnoloxías á sociedade lucense, especialmente as xeracións máis novas, uns percorridos nos que se amosa o traballo que desenvolve a entidade formativa e dinamizadora.
Grazas a este programa, o ano pasado pasaron 1.244 persoas polas instalacións da TIC. En total, 44 grupos, a gran maioría de centros educativos da provincia, aínda que tamén houbo alumnas e alumnos de secundaria procedentes de Alemaña, Francia e Italia, usuarias/os da asociación Down Lugo e estudantes do cuarto ciclo da Universidade de Santiago (USC).
Durante a súa visita coñeceron as dotacións da entidade e os distintos departamentos así coma os estudos que imparten a Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC. Esta actividade didáctica inclúe a participación activa de todos os visitantes na realización e presentación dun programa televisivo con noticias reais, os TICodiarios.

PUBLICIDADE