A Fundación Jacobea comparte na súa nova web as experiencias da comunidade internacional de peregrinos

martes, 27 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Fundación Jacobea, pertencente ao Grupo Carrís, vén de presentar a súa nova páxina web, dispoñíbel xa en www.fundacionjacobea.org, destinada a informar polo miúdo dos valores ligados ás rutas de peregrinación, a impulsar do Camiño de Santiago e os seus itinerarios e, tamén, a subministrar coñecemento útil para aos viaxeiros.
Trátase dun ambicioso site, moi visual ao tempo que moi informativo, que se ofrece en tres idiomas (galego, castelán e inglés) e que subministra coñecemento directo e actualizado sobre a dita fundación e os seus proxectos, e sobre recursos postos a disposición da comunidade de peregrinos. Asemade, fornece aos internautas de completa información sobre o Camiño de Santiago (preparación, rutas, localidades xacobeas, que visitar, historia e tradición, viño e gastronomía).
A posta en marcha da web e a súa presentación insírese no programa de actividades divulgativas do Camiño que está a organizar a fundación este mes de novembro, un programa de accións que difunde o espírito de peregrinación xacobea ao tempo que pon o foco nas posibilidades de interacción do Camiño coas novas tecnoloxías. Destes obxectivos abrolla o proxecto Memoria da peregrinación do século XXI, unha iniciativa que conta con dúas ferramentas dixitais: a páxina web da que estamos a falar e máis unha revista dixital. Ambos recursos teñen obxectivos análogos: permitir aos peregrinos compartiren as súas vivencias, coñecer as localidades polas que transita o Camiño e pór en alza os valores que perseguen tanto a fundación como a propia peregrinación.
Volvendo á web e os seus detalles principais, un dos seus elementos centrais é o blog adicado a recoller e mostrar testemuños e experiencias dos peregrinos. A este respecto, a Fundación Xacobea considera “que as vivencias dos peregrinos e a posibilidade de compartilas entre eles constitúen o aspecto esencial da peregrinación, a alma do Camiño”, e por iso quere dedicarlles “un espazo privilexiado, novo e necesario”, que nace “cunha clara vocación internacional”.
As historias e testemuños de peregrinos serán recollidas tanto en formato online como de forma directa a través de entrevistas en persoa cos peregrinos. “Trátase dunha ferramenta innovadora e de gran importancia para a promoción do Camiño de Santiago”, sinala a entidade responsábel da súa posta en marcha, que engade que a arela que alenta o proxecto é “trasladar a faciana máis humana da peregrinación ao resto do mundo: o verdadeiro espírito da peregrinación compostelá”.

PUBLICIDADE