A Fundación Gas Natural Fenosa achega un curso en liña sobre transformación dixital para as PEME

venres, 21 de outubro do 2016 Redacción

As pequenas e medianas empresas (PEME) e os profesionais terán a oportunidade de beneficiarse dun curso en liña aberto e de balde (MOOC) sobre transformación dixital, detrás desta achega atópase a Fundación Gas Natural Fenosa, a escola de negocios IEBS e a axencia de mercadotecnia dixital tthegap. A finalidade deste curso é a de promover e acelerar os procesos de transformación entre as PEME e os profesionais. Cómpre engadir que esta proposta forma parte do Programa Primeira Exportación; a través del, a Fundación Gas Natural Fenosa apoia ás PEME no seu desenvolvemento exterior. Para participar no programa, as empresas interesadas teñen que achegar un CIF e inscribirse no programa a través da web da Fundación.
Indo á actividade formativa en cuestión, dicir que dará comezo o vindeiro 10 de novembro, e que ten como meta introducir ás pequenas e medianas empresas nos procesos de dixitalización, facer reflexionar a empresarios e executivos sobre o futuro das organizacións e o impacto dos cambios que supoñen as novas tecnoloxías (automatización, o Machine Learning, a sociedade conectada, o internet das cousas, a industria 4.0 ou a impresión 3D).
Emporiso, para chegar a tal fin neste curso abrangueranse as bases fundamentais da economía dixital e a adopción de plataformas dixitais, as novas capacidades organizativas precisas para ter un negocio competitivo no eido dixital, explicarase como construír negocios baseados en plataformas dixitais e encamiñados ao cliente, como transformar a organización e a cadea de valor do negocio a través das plataformas dixitais e as TIC.
En canto ao equipo humano deste proxecto, está formado por profesionais da transformación dixital: David Alayón (head of innovation projects en Inditex), David Tomás (creador da primeira empresa con organización celular de España e autor do best seller A empresa máis feliz do mundo), e Lluis Font (con máis de 25 anos de experiencia na industria dixital).
Engadir que no marco deste programa, a Fundación Gas Natural Fenosa tamén puxo a disposición das PEME españolas unha ferramenta de balde para a mellora do seu comercio en liña. O software, desenvolvido por Vikinguard, permite seguir polo miúdo o rendemento, a dispoñibilidade e o tempo de carga de calquera tenda online, e envía notificacións cando detecta algún problema. Asemade, a Fundación Gas Natural Fenosa dispuxo para as PEME un estudo sobre a velocidade de carga do comercio electrónico en España e a posibilidade de realizar un curso de balde sobre analítica web para comercio electrónico. Tanto o estudo coma o curso están dispoñíbeis en liña e pódense descargar dende a páxina web de Vikinguard.

PUBLICIDADE