A Fundación Everis inclúe Galicia no seu programa para diminuír a fenda científico-tecnolóxica de sexo

mércores, 20 de decembro do 2017 Redacción

A Fundación Everis vén de pór en marcha a terceira edición do seu programa de asesoramento para mozas adolescentes, unha iniciativa encamiñada a reducir a fenda de sexo que separa a boa parte das nosas estudantes dos estudos científicos e TIC (unha fenda que, lonxe de diminuír, non para de medrar). O programa Púlsar, así se chama, conta coa participación activa de mulleres referenciais no ámbito das novas tecnoloxías da información e a innovación, mostrando as súas experiencias e botando abaixo os atrancos (estereotipos, discriminación, desinformación) que impiden ás mozas acceder a este tipo de carreiras. A idea, sinala Everis, é que as rapazas (de idades comprendidas entre 15 e 17 anos) descubran e potencien o seu talento.
Nesta terceira edición incrementouse o número de participantes respecto ao ano anterior, intervindo en colexios de Madrid, Barcelona e, por primeira vez, de Santiago de Compostela. Ademais, está a levarse a cabo o espallamento do programa a países de Latinoamérica onde Everis ten presenza, como por exemplo México, Perú ou Brasil.
No capítulo de novidades, amais da estrea galega no programa, este ano haberá charlas de motivación nos centros educativos dirixidas a preto de 1.000 estudantes (mozos e mozas) de 4º ESO e 1º de Bacharelato, para “transmitirlles a importancia da autoestima na adolescencia e concienciarlles da existencia da brecha de sexo na sociedade”.
Segundo informa a Fundación Everis, a metodoloxía desta iniciativa está baseada no learning by doing (aprender facendo), e o método de traballo está orientado “á curiosidade, a exploración, o descubrimento, a interacción e creación dos contidos, así como a reflexión e conexión destas aprendizaxes coa súa día a día”.
Karla Alarcón, directora da entidade, apunta que “é fundamental que os pais e as institucións educativas avancen xuntos para conseguir a igualdade de oportunidades e tamén é preciso que as mozas sexan quen de achar o seu propio talento; para iso, cremos importante achegar as rapazas a mulleres referentes que as impulsen no seu medre persoal e, por tanto, profesional, a través da súa propia experiencia”.

PUBLICIDADE