A Fundación Diego González Rivas impulsará a Visión Artificial e a Realidade Aumentada nas intervencións cirúrxicas

luns, 17 de abril do 2023 S. P.

Esta semana vai comezar oficialmente a súa andaina a Fundación Diego González Rivas, unha iniciativa destinada a salvar vidas empregando a fondo as tecnoloxías máis innovadoras. Farao concretamente este xoves 20 de abril, a través dunha xornada de presentación de obxectivos na Coruña, no Work Café Santander, e cunha actividade deportivo-solidaria convocada ao día seguinte, o venres 21, coa Carreira da Luz en Oleiros (cuxa recadación irá dar á entidade que leva o nome do doutor Diego González Rivas).
Os porqués da iniciativa
A creación da Fundación Diego González Rivas é o seguinte paso da axuda humanitaria que vén realizando o doutor Diego González desde hai máis de dez anos. Responde, ademais, á necesidade de dotar esta axuda dun soporte e dunhas ferramentas capaces para que a institución poida chegar a máis lugares do mundo e para dar apoio económico a persoas que non poden acceder á súa técnica Uniportal VATS, baseada en Visión Artificial, por falta de recursos.
A fundación pretende ser o instrumento que impulse un novo modelo que permita operar nunha unidade móbil de cirurxía na que o doutor poida realizar, con todas as garantías, aquelas cirurxías que non poden abordarse, por falta de recursos, en países en vías de desenvolvemento.
Un aspecto fundamental para a fundación é traballar proxectos de Investigación, Desenvolvemento e innovación (I+D+i), a través de subvencións tanto europeas como nacionais, para conseguir materializar proxectos de investigación en áreas como a Visión Artificial, a Realidade Virtual e Aumentada, os robots cirúrxicos e a Nanotecnoloxía.
Segundo informan fontes da fundación, a Visión Artificial está a ser empregada para mellorar a precisión e eficiencia das operacións, mediante o uso de algoritmos de recoñecemento de imaxes e aprendizaxe automática que axudan aos cirurxiáns para identificar e tratar con precisión tumores e tecidos saudábeis. Ademais, a VAI tamén se emprega para planificar e guiar procedementos cirúrxicos e mellorar a monitoraxe do paciente durante e despois da cirurxía.
Polo que respecta á Realidade Aumentada (RA) e a Realidade Virtual (RV), melloran a eficiencia e resultados das operacións, grazas ao uso de tecnoloxías como a superposición de imaxes e o modelado 3D que permiten aos visualizar información importante en tempo real durante a cirurxía.
O doutor Diego González Rivas é un cirurxián coruñés que loita contra o cancro de pulmón e a dor en hospitais do mundo enteiro. A súa revolucionaria técnica, coñecida como Uniportal VATS, permite operar a cavidade torácica practicando un pequeno orificio intercostal, ás veces mesmo con anestesia local, e facilita aos pacientes a volta a casa e á vida normal ás corenta e oito horas.
Programa do acto deste xoves
17.30 Inicio do acto, presentado polos xornalistas Pablo Portabales e Loreto Silvoso.
17.35 Intervención do presidente da Fundación.
17.55 Proxección vídeo sobre a primeira acción da fundación.
18.10 Conexión en directo coa primeira paciente da fundación. Entra Yajaira desde Perú.
18.15 Explicación proxectos para 2023.
18.20 Conexión en directo con Serra Leona.
18.25 Agradecementos e foto de familia co presidente e os Patróns da Fundación.
18.30 Viño español

PUBLICIDADE