A Fundación Cel presenta unha web con completos datos sociais sobre a provincia de Lugo

mércores, 21 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

A Fundación Cel e Caixanova veñen de presentar a web Lugoencifras.es, encamiñada como o seu propio nome indica a achegarlle á comunidade en liña todo tipo de indicadores relacionados coa provincia galega. Por exemplo: datos demográficos, sociais, laborais ou económico-financeiros, tanto referidos ó conxunto da provincia como abordados polo miúdo a través das súas trece comarcas.
A escolma de información, especialmente relevante para os empresarios presentes e futuros (ou sexa: para os que queiran ampliar mercado ou ben abrirse paso nel por vez primeira), foi presentada este luns no Pazo de Feiras de Lugo (na imaxe), xunto co informe estatístico Lugo en cifras 2007, que constitúe -por así dicilo- a feitura tradicional, en papel, do traballo.
Sinalar que este xa é o terceiro volume que sae á luz e que a información que nel atopamos provén dunha trintena de fontes oficiais.
A novidade reside na aposta polo dixital. A idea de Cel e Caixanova co deseño desta web é acadar dous grandes obxectivos: por unha banda chegar a máis xente e, pola outra, dar unha resposta ao problema da actualización de datos. É dicir: perante a imposibilidade de publicar pola vía tradicional un informe con información nova escolmada cada día, óptase pola comodidade da Internet á hora de dar conta do que acontece e polo miúdo. Segundo informa Cel, “aproveitaranse as vantaxes da Rede para amosar os cambios que se van producindo nas estatísticas a medida que as publiquen as fontes, ou sexa, cunha maior periodicidade”.
A feitura da edición en liña segue certos modelos da edición impresa, aínda que se pon en marcha cunha gran novidade: unha sección dedicada ás infraestruturas previstas ou en construción na provincia e procedente do Estudo CEL: Plan Galicia e Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transportes cedido pola Confederación de Empresarios de Lugo.

PUBLICIDADE