A Fundación CEL presenta unha nova edición dos seus premios á innovación empresarial

xoves, 3 de marzo do 2011 Redacción

A Fundación CEL presentou esta semana unha nova edición dos seus premios, a número 13, que xa están abertos á achega de candidaturas. Entre as novidades que se inclúen nesta nova convocatoria cómpre facer mención dun novo tipo de galardón destinado a premiar os proxectos promovidos por estudantes lucentes de Formación Profesional. A Fundación CEL (Iniciativas por Lugo) quere recoñecer con este novo certame a posta en marcha de propostas empresariais innovadoras e valentes, con viabilidade e posibilidades de converterse en empresas reais e co engadido de tirar o máximo partido de todo o que a Sociedade do Coñecemento nos ofrece.
O concurso preséntase baixo o epígrafe Ti emprendes, todos gañamos. Amais do novo galardón dirixido aos estudantes, vaise dar continuidade á categoría de Premios á Iniciativa Empresarial, un apartado que busca promover a creación de empresas e accións de investigación aplicables ao seo de aquelas. Esta categoría inclúe as tres modalidades de costume: o Premio a Proxectos de Creación de Empresas, o Premio a Proxectos Universitarios de Creación de Empresas e o Premio a Proxectos de Investigación de Innovación Aplicada á Empresa.
Os proxectos recoñecidos en calquera destas catro categorías recibirán unha estatua da Fundación CEL, un diploma de mérito e máis 3.000 euros, así como a posibilidade de acceder ao financiamento concedido polas entidades patrocinadoras dos Premios, entre as que se conta Novacaixagalicia. Amais disto, inclúese nas tres primeiras modalidades do premio o acceso de balde ao Viveiro de Empresas da Fundación CEL durante un ano dende a concesión do galardón.
A edición 2011 do certame tamén incorpora de novo a categoría encamiñada a recoñecer o labor de empresas xa consolidadas. Trátase do Premio á Calidade, á Seguridade Medioambiental e á Protección Medioambiental e máis o Premio ao Compromiso Social e a Creación de Emprego. A maiores, tamén se convoca o Premio a Proxectos de Promoción Exterior da Provincia de Lugo.

PUBLICIDADE