A Fundación CEL presenta unha nova convocatoria dos seus premios á innovación

venres, 6 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

A Fundación CEL presentou a nova convocatoria dos seus galardóns encamiñados a salientar a vertente máis innovadora do noso tecido produtivo. Máis polo miúdo, trátase da duodécima edición dos Premios Anuais á Iniciativa, á Actividade e á Promoción empresariais, certame centrado na provincia de Lugo e dirixido a “resaltar a achega socioeconómica das empresas que traballan neste eido xeográfico”. Os encargados de presentar esta nova edición foron José Luis Otero (responsable da comisión de Premios e Xurados do Padroado da Fundación CEL), Rodolfo Ojea (coordinador da entidade) e Ana Centeno (axente de emprego da plataforma). Durante o acto, amais do fondo e o contido, amosouse tamén a forma: unha imaxe identificativa, real e virtual, creada polo estudo de deseño gráfico e web Sond3, empresa xurdida ao abeiro do lanzadeira de empresas da Fundación.
Máis en detalle, a representación visual do concurso consiste nun arbusto con diferentes pólas que suxiren o medre das novas empresas.
Ademais de presentar o traballo gráfico, fíxose fincapé nas axudas que achegan os ditos premios (económica ou de asesoramento especializado dentro do viveiro da fundación) e no alto nivel de participación no certame acadado en anos anteriores (dende 1997 aspiraron aos galardóns catrocentas candidaturas). Asemade, salientouse o feito de que moitos dos premiados nas diversas categorías sexan arestora negocios produtivos, como Patatotas, Gimena Ingeniería, Innolact, Falcatruada, Pazo de Orbán, Nuevos Jardines ou Concepto Circo.

PUBLICIDADE