A Fundación CEER prevé desenvolver un plan de comunicación 2.0

xoves, 11 de xuño do 2009 Raquel Noya

A Fundación CEER, constituída polas universidades de A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, UTAD, Minho, Porto e a Xunta de Galicia, que naceu co obxectivo de incrementar as relacións entre as devanditas entidades académicas e gubernamentais, vén de anunciar a súa intención de crear o seu 1º Plan de Comunicación 2.0, que marcará as pautas de actuación nos vindeiros anos en materia de comunicación dixital entre universidades.
O desenvolvemento de redes e o establecemento de sinerxías é un obxectivo prioritario para o Centro de Estudos Eurorrexionais, o cal, hai cinco anos, recibía fondos europeos para o desenvolvemento da proxecto Campus en Rede, que pretendía e pretende “artellar un espazo para a difusión da información relacionada coa ciencia, a innovación, o coñecemento e a excelencia”.
Para crear este Campus en Rede foi necesario, por aquel entón, a creación da web oficial, na que se divulgarían novas e eventos a través do xornal, se crearía un centro de doumentación, se incluiría un potente buscador de equipos de investigación das seis universidades que forman parte do CEER e se habilitaría unha sección adicada á difusión de blogs, foros e enquisas para a xeración de debate e participación.
Posteriormente foron engadidos novos apartados, creando unha web dinámica, áxil, atractiva e interesante para a comunidade universitaria da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.
Agora, pasados estes cinco anos, os seus responsables afirman “que aquela iniciativa era necesaria e constituía unha demanda latente na cidadanía do Norte de Portugal e Galicia, xa que a web do CEER segue a incrementar o seu número de visitas, chegando a ser a web con tematica eurorrexional de Galicia-Norte de Portugal máis visitada da Eurorrexión”.
Para a consecución de redes e sinerxías é necesario, engadiron, “traballar coas redes sociais xa existentes”, pois estas ferramentas confíguranse como necesarias e xeneran un volume de coñecemento e intercabio de información que debe ser tido en conta polas institucións.
Por este motivo o CEER quere animar a estudantes, profesores, investigadores/as, PAS, e interesados en xeral a participar no envio de propostas para así continuar innovando en materia de comunicación. Deste xeito, durante o prazo de quince días, o CEER fará unha campaña de difusión de novas relacionadas coa comunicación 2.0, onde se mencionarán libros relacionados coa temática, investigadores da materia, estudos elaborados sobre as comunidades virtuais e redes sociais, etc…
Para poder enviar estas propostas, a entidade vai crear un espazo nos foros da web, onde se poderá debater sobre as distintas cuestións presentadas polos cidadáns; éstes poderán facelo tamén por correo electrónico ou incluso por correo postal.

PUBLICIDADE