A Fundación Barrié propón unha webquest xornalística entre os estudantes para celebrar o 17 de maio

mércores, 9 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

O Día das Letras Galegas, polo feito de ser unha xornada cun gran compoñente comunicativo e (tamén) por coincidir coa celebración do Día de Internet (igualmente o 17 de maio), ten un gran compoñente de normalización do uso das redes. Un exemplo deste emprego práctico e desta aposta polo seu potencial de difusión é a iniciativa que puxo en marcha a Fundación Barrié a través da súa canle educativa educaBarrié e que consiste nunha achega didáctica ao servizo dos estudantes, que terán que amosar o seu coñecemento arredor do escritor homenaxeado este ano: o empresario, ensaísta e poeta pontevedrés Valentín Paz Andrade.
A proposta da Fundación ten un compoñente de divulgación (fálase na web polo miúdo da vida e obra de Paz Andrade, do que significou e do importante labor de dinamización que desenvolveu no xornal Galicia) e tamén de actividade lúdica. De feito, ponse ao alcance da man dos estudantes a oportunidade de darlle vida novamente ao dito xornal, ao tempo que se lles convida a amosar o seu potencial como xornalistas, reporteiros ou até como escritores. “O xornal Galicia”, informa a Fundación, “vivirá desta maneira un novo rexurdimento nun día especial onde todos sentimos orgullo do feito de sermos e de expresarnos na lingua de noso”.
Nun plano concreto, a actividade en liña que propón a institución é un encargo especial para o devandito diario onde haberá que incluír unha reportaxe ampla sobre a figura do empresario e escritor homenaxeado e máis información detallada da nosa festa do 17 de maio. O traballo (redacción, elaboración, deseño e maquetación do xornal dirixido por Paz Andrade) será desenvolvido en grupo. Logo, os mellores traballos serán enviados á páxina de inscrición e participarán no concurso propiamente dito: Valentín Paz Andrade e o xornal Galicia, edición especial. O premio a recibir será un e-book. O novo xornal Galicia 2012 está pensado para que se imprima en A3 e se difunda de man en man, engade a Fundación.

PUBLICIDADE