A Fundación Autor organiza en Santiago tres actividades formativas sobre tecnoloxías ao servizo do audiovisual

mércores, 12 de xuño do 2013 Redacción

Sede da Fundación Autor da SGAE en Santiago de Compostela, en Vista Alegre

A Fundación Autor da SGAE, emprazada na nosa terra no parque de Vista Alegre (Santiago), vén de convocar o curso Estratexias transmedia, dirixido polo profesor francés Michel Reilhac. Esta actividade itinerante pasará por Madrid, Valencia, Bilbo e Barcelona antes de recalar en Santiago de Compostela o 21 de xuño. Como lembraremos, Reilhac é escritor e profesor especializado no eido do transmedia, un concepto que, segundo explica a Fundación, “consiste nun modelo narrativo que ofrece ao espectador a posibilidade de interactuar a través de diversas plataformas, facendo dunha obra audiovisual unha experiencia persoal”. Ou sexa, que do que se trata, cando achegamos unha proposta transmedia, é de fornecer unha proposta común, un contido cunha raizame conectada, a través de diferentes pólas. Cada póla é unha determinada plataforma (cinema, Rede, libros, e-books, móbiles, debuxo, deseño gráfico e un longo etcétera) e podemos pasar dunha outra sen perder de vista, claro está, o tronco.
O curso desenvolverase ao longo de toda a xornada cun prezo xeral de 70 euros (30 euros para socios da SGAE). Poden formalizarse as inscricións na conta de correo electrónicognieves@sgae.es. Por certo que a sede galega dos autores acollerá, nas vindeiras semanas, outras dúas iniciativas que teñen como obxectivo a especialización e a formación no eido audiovisual. Na tarde do 20 de xuño celebrarase o seminario Branded Entertainment, organizado pola Asociación Galega de Guionistas. Adolfo Ponte (guionista e produtor) traballou durante anos en Filmax e Bren Entertainment, onde desenvolveu proxectos como Pérez, el ratoncito de tus sueños, Nocturna ou Donkey Xote. El dirixe este seminario, que afonda nos novos modelos de relación da publicidade cos contidos audiovisuais. A matrícula custa 25 euros, con desconto para estudantes do audiovisual (os socios de AGAG asisten gratis).
Por último, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) convoca un seminario de FX visuais. Ferrán Piquer, gañador dun Goya polo seu traballo cos efectos visuais de Balada triste de Trompeta, é un dos grandes especialistas na integración dos FX visuais na narrativa cinematográfica e impartirá este seminario, na tarde do 1 de xullo, na sede da Fundación Autor en Santiago de Compostela. O prezo é de 30 euros, con bonificación para estudantes (os socios de CREA teñen acceso gratuíto).

PUBLICIDADE