A Fundación Aula Smart entregará máis de 500 portátiles entre o profesorado

martes, 19 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

A Fundación Aula Smart, creada para o desenvolvemento e a implantación das TIC no sector educativo, vén de abrir unha nova convocatoria do seu curso en liña Novas Tecnoloxías aplicadas á educación, destinado a todas aquelas persoas que traballan en réxime xeral en centros educativos concertados e privados, no que xa hai arestora máis de cincocentos alumnos e alumnas matriculados.
O curso, que é de balde para o persoal dos devanditos centros, conta cunha subvención do Fondo Social Europeo, do INEM e da propia Fundación, que é quen xestiona e tramita toda a documentación a favor dos centros educativos e os profesores.
Todas aquelas persoas que se matriculen nesta nova convocatoria, que remata o vindeiro 28 de xaneiro, así como os xa matriculados anteriormente, recibirán de balde cadanseu portátil, e formaranse en Novas Tecnoloxías comodamente sen ter que desprazarse ata as aulas da devandita fundación.
O curso terá unha duración de 2 meses (de febreiro a marzo deste ano) e contará cun total de 120 horas de formación.
As persoas interesadas en matricularse que cumpran os requisitos, poderán pedir información e inscribirse por teléfono no 902 367 963 ou encher o formulario que achegan na páxina web da fundación.

PUBLICIDADE