A Fonsagrada será o primeiro concello español en levar a cabo o apagamento analóxico

xoves, 21 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

Fernández Iglesias presentando o plan piloto da Fonsagrada

Manuel José Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual, anunciou xunto con Argelio Fernández Queipo, alcalde do concello da Fonsagrada, que o vindeiro 5 de abril Emilio Pérez Touriño presidirá na vila luguesa o primeiro apagamento analóxico de España.
Agardan que así en 2008 a vila poida dispor «dunha televisión de calidade e dun servizo como o de ningún concello de toda España» adiantándose na transición á TDT converténdose «na illa dixital galega».
No acto de presentación deuse a coñecer o plan piloto de transición á tecnoloxía dixital do sinal de televisión no Concello da Fonsagrada, pechándose este mes a terceira fase do plan, acadando unha cobertura poboacional do 96%. Para informar ós cidadáns da vila luguesa empregarase unha campaña deseñada polo humorista gráfico Antonio Fraguas Forges e baixo o lema o futuro chámase TDT os brañegos recibirán nas súas vivendas un folleto explicativo do apagamento, no que atoparán información de cómo adaptarse á nova tecnoloxía.
Para facilitar a transición a dixital a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual fixo entrega ó Concello da Fonsagrada de 1.000 descodificadores de TDT que se comezarán a entragar a partir do 10 de marzo para que ó tódalas familias da vila poidan dispor de Televisión Dixital Terrestre.
Este plan pilot conta cun orzamento de 305.000 euros e servirá para experimentar sobre a transición á TDT, o que beneficiará no futuro a tódolos galegos. A Fonsagrada foi elixida para este plan pola complexidade de dotar a tal poboación de TDT, por estar dispersos os seus 4.993 habitnates en máis de 200 núcleos de poboación, o que definirá un marco real de actuación para avanzar de cara a un apagamento analóxico en toda Galicia en 2010.

PUBLICIDADE