A Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz promoven os seus tesouros na Rede co apoio da Deputación

xoves, 11 de marzo do 2021 S. P.

Os concellos da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz, xunto coa Deputación de Lugo, presentaron este xoves 11 o portal Terrasdeburon.es, unha iniciativa impulsada polos tres ditos concellos co apoio dos fondos da entidade provincial, co obxectivo de visualizar e poñer en valor a comarca que lle dá nome á web e a súa oferta conxunta de lecer, turismo, gastronomía, historia e cultura. Tamén é un recurso para contribuír á recuperación do sector turístico e hostaleiro.
“Traballar pola promoción do territorio con proxectos coma este é importante para apoiar aos sectores económicos máis afectados pola pandemia, pero tamén é unha aposta de futuro para o rural porque a crise sanitaria fixo que o turismo de natureza, de montaña, como o que ofrece Terras de Burón, estea en alza”, subliñou José Tomé, presidente da Deputación, na presentación da web.
No acto, celebrado no Salón de Actos Municipal Os Chaos, participaron o alcalde da Fonsagrada, Carlos López López; o rexedor de Ribeira de Piquín e tamén deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e o alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereda, ademais da deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e representantes da Corporación municipal da Fonsagrada e hostaleiros da zona.
Tomé Roca felicitou aos alcaldes da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz por “esta aposta conxunta” por aproveitar o potencial turístico dos seus concellos. “Non hai como traballar da man para lograr obxectivos comúns máis ambiciosos dos que podemos acadar en solitario”, subliñou Tomé, quen tamén destacou que o proxecto da páxina web sexa unha realidade grazas aos fondos do Plan Único da Deputación de Lugo, un instrumento de cooperación que, ademais de garantir a transparencia e o reparto xusto dos fondos, respecta a plena autonomía dos concellos para destinar os recursos económicos que reciben ás medidas que consideran máis necesarias e adecuadas para os seus municipios.
Presencia en redes sociais
A web terrasdeburon.es difunde a oferta, actividades de lecer, gastronomía, historia e cultura da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz.
Ademais, permite a promoción dos establecementos hostaleiros e turísticos da zona, de balde para eles, e ofrece diferentes rutas de sendeirismo e lugares emblemáticos de interese para os visitantes. Os Concellos e a Deputación engadiron que os contidos da plataforma “estarán en continua renovación e actualización” e apoiarase tamén nas redes sociais para facer promoción do territorio e lanzar a zona como un paquete turístico.

PUBLICIDADE