A Fiscalía pide cárcere para os responsables da web, The Pirate Bay

mércores, 4 de marzo do 2009 Raquel Noya

Os responsables do portal sueco The Pirate Bay, considerado un dos máis importantes do mundo para o intercambio e descarga de arquivos, veñen de ser acusados de piratería e violación dos dereitos de autor de diversos contidos por ofrecer a posibilidade de descargar películas, series, programas e música de balde aos usuarios da súa web.
Entre finais de 2005 e comezos de 2006, foron descargados do portal, segundo datos dos propios administradores, “ata 435.000 copias de 33 obras concretas de música, películas e programas informáticos”que os catro acusados se “limitaron a colgar”, afirman.
Malia que as esixencias da lei sueca para considerar a alguén culpable de colaborar cun delito é moi baixa, a Fiscalía fundamentou a súa petición de cárcere para os acusados nos ingresos obtidos por The Pirate Bay por esta actividade, que calculou nun beneficio neto anual de “10 millóns de coroas suecas”, uns 876.000 euros.
Os administradores do portal aseguran non obter beneficios do mesmo e fixaron os seus ingresos nuns 88.000 euros, que, segundo eles, “consumían integramente en gastos de mantemento”, polo que, aseguran, “non había beneficio algún”.
Este xuízo, que se iniciaba o pasado día 16 en Suecia, é o primeiro da historia do país nórdico que se pode seguir en directo e na súa totalidade a través de Internet, e é considerado por tódalas partes como “decisivo na pugna mundial sobre a descarga gratuíta de contidos”.
A sentenza farase pública o vindeiro 17 de abril; ata entón os catro avogados seguen insistinto na inocencia dos seus clientes asegurando que “non incurriron en ningunha acción delituosa xa que se limitaron a subministrar unha ferramenta que non é ilegal”.

PUBLICIDADE