A Festa dos Axóuxeres, ao completo na Rede

luns, 8 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

A Secretaría Xeral de Política Lingüística está a empregar a Rede como recurso de primeira orde para dar conta dos detalles referidos á segunda edición das Festas dos Axóuxeres, certame que vai encamiñado a promover a lingua mediante o xogo e o lecer para os cativos e os seu pais, e todo tirando partido de algo que en Galiza abonda especialmente: xogos tradicionais, cancións ou arrolos. O concurso, que está organizado polo dito departamento da Xunta e que distintos emprazamentos na nosa xeografía (é de natureza itinerante, coma as nosas feiras), pódese seguir polo miúdo nun espazo concreto da Internet.
Nel poderemos consultar o camiño a seguir polo certame (que a pasada fin de semana se desenvolveu en Lugo e na Coruña e a seguinte en Ourense e Vigo), os contidos do mesmo e máis informacións e crónicas sobre as diferentes celebracións.
Asemade, a web permite a descarga de imaxes da festa nas diferentes cidades polas que vai pasado e arquivos de son con cancións tradicionais galegas para os cativos.
Segundo sinala Política Lingüística, as funcións dos Axóuxeres estanse a celebrar baixo carpa, nunha superficie de 500 metros cadrados, e terán unha hora de duración. “Aqueles que participen nelas terán ocasión de introducirse en galego no mundo dos sentidos, a través dunha montaxe para aprender xogos, cantigas, arrolos, adiviñanzas, coreografías e outras actividades de entretemento”, engade.

PUBLICIDADE