A Feira do Libro da Coruña comeza con presenza de seu nas redes sociais

mércores, 1 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Acto de inauguración da Feira

Hoxe bota a andar na Coruña a Feira do Libro, evento que nesta 47ª edición desenvolverase até o vindeiro día 10 cun completo programa de actividades e cunha novidade relativa á presenza do evento en redes sociais, xa que por primeira vez a Feira contará con presenza de seu en Facebook, Twitter e Instagram, plataformas sociais nas que irán dando conta das actividades e presentacións que se desenvolven ao longo das dez xornadas de celebración grazas ao traballo coordinado das Bibliotecas Municipais da Coruña.
As redes sociais da Feira do Libro da Coruña non só dan conta da presente edición, senón que tamén buscan realizar un achegamento á historia do evento, de xeito que aproveitan estas canles para amosar á cidadanía carteis das anteriores edicións e incluso documentos nos que se dá conta das orixes da Feira.
O encontro está a promover a conversa en redes sociais a través dos cancelos #FeiraDoLibroCoruña e #FLC18, e polo momento parece ter un seguimento moi parello nas tres plataformas nas que está presente.

PUBLICIDADE