A Feira de Outubro de Emprendedoras de Compostela será retransmitida por YouTube
venres, 9 de outubro do 2020
Santiago
acollerá este mes a segunda edición da Feira de Outubro de
Emprendedoras de Compostela, que este ano, amais de estar marcada
pola COVID e pola necesidade de coller impulso para superala (con
creatividade, colaboración e tecnoloxías), tamén estará marcada
pola innovación social, que será un dos grandes fío temáticos do
evento. A iniciativa, que conta coa colaboración da USC e que
promove a Oficina de Promoción Económica do Concello, foi debullada
nos seus detalles polo alcalde Xosé Sánchez Bugallo, e a
vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo.
Segundo
fixeron saber, o “obxectivo é achegar á cidadanía as diferentes
iniciativas da economía social lideradas por mulleres e que están
creando tecido empresarial responsábel e transformador na contorna
máis próxima”.
O
encontro celebrarase os días 30 e 31 de outubro en formato
semipresencial. A parte presencial desenvolverase na Aula
Gastrocultural do Mercado de Abastos de Santiago e todo o evento será
retransmitido en liña e en directo a través da canle de YouTube de
Woman Emprende. Segundo se fixo saber na presentación deste venres,
as protagonistas serán “as mulleres que crean empresas con fines
sociais, e nas que a súa actividade empresarial non está só
determinada pola necesidade de maximizar os beneficios económicos,
senón tamén por buscar coa súa actividade lograr un impacto
social”.
O
evento contará cunha parte de formación semipresencial na temática
do Design Thinking que está dirixida a mulleres
emprendedoras. As sesións serán en liña dende o luns, día 26, ata
o xoves, 29 de outubro, mentres que o venres 30 de outubro será
presencial no Espazo Gastro da Praza de Abastos.
O
programa do encontro propiamente comezará o sábado, día 31, ás
9.30 horas, cunha mesa redonda na que está prevista a intervención
de Carme Casado Casado, responsábel de Desenvolvemento Económico,
Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago; Alba Paz
Boubeta, subdirectora Xeral de Economía Social da Consellaría de
Economía, Emprego e Industria; Mercedes Vázquez Bartomeu (AESGAL);
Ana Olveira Blanco (Unión de Cooperativas Espazocoop); María
Dolores Calvo (AGACA); e Rosa Gutiérrez (Galega de Economía social
CEGASAL).
De
10.30 e 13.30 horas desenvolverase unha feira expositiva presencial
coas impulsoras das marcas da exposición. Tanto en liña como en
directo poderase seguir as testemuñas destas emprendedoras. Tamén
está prevista a participación de diferentes entidades que velan por
crear un tecido empresarial responsábel e transformador na contorna
máis próxima, con especial atención a valores asociados ao
feminismo, abordados dende a creatividade, o coñecemento, e o
impacto social e ambiental.