A Facultade de Informática da Coruña falla os Premios ao Mellor TFG

venres, 10 de febreiro do 2017 Redacción

A Facultade de Informática da Coruña (FIC) vén de fallar os Premios ao Mellor TFG. Estes premios buscaron recoñecer aos mellores traballos fin de grao aplicados do curso 2015/2016. Esta segunda convocatoria contou co patrocinio de Everis, Grupo Voz, Indra, o Instituto Tecnolóxico Galego e Telecon, ademais da colaboración do CITIC e a FUAC. Todas as entidades participantes coincidiron en que este tipo de iniciativas contribúen a pór de manifesto “o gran potencial e formación dos aspirantes, así como a calidade dos seus traballos fin de grao”.
A temática das candidaturas que resultaron finalistas é moi variada, recollendo proxectos tecnolóxicos aplicábeis ao ámbito do motor, a saúde, o sector primario, a domótica ou a xestión catastral. De informar deles e das súas implicacións estase a ocupar estes días o Grupo Voz, dándoos a coñecer entre a sociedade galega.
Francisco Javier Bouzada Jaureguízar, xefe de Proxecto de Everis na Coruña, apuntou que nesta edición “observouse non só que a calidade técnica e o grao de innovación son crecentes, senón que a capacidade de transferencia e aplicación ao mercado son moi dignas de destacar”. Do mesmo xeito, Javier Pascual Expósito, responsábel de Software Lab para a oficina de Indra na cidade herculina, salientou “a calidade crecente na exposición das diferentes ideas, cun aliñamento ás necesidades dos mercados e cunha elevada implicación por parte dos alumnos”. Óscar González Represas, director da área de Tecnoloxías da Información da Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia, e Jacobo Penide Quintela, business development de Telecon Galicia, coincidiron tamén en resaltar o “enorme potencial de aplicación ao mercado” dos traballos achegados polos cinco alumnos distinguidos, amais do seu “alto compoñente tecnolóxico”.
O día 9 de febreiro o xurado deu a coñecer o nome do gañador desta edición, resultando vencedor (e incluíndo unha contía de 1.500 euros) o proxecto Control da produción dun viñedo a través de sensores, para mellorar a calidade e aumentar o volume en base a factores externos e internos, accesíbeis mediante unha interface web de Josman Pedro Pérez Expósito. Así mesmo, foron premiados con dous accésit de 500 euros os proxectos Sistema para o manexo e xestión de árbores familiares orientadas ao apoio ao diagnóstico clínico de doenzas hereditarias e Deseño e implementación dunha aplicación web para a xestión de proxectos de homologación de reformas en vehículos para unha empresa real, de Elías Grande Casedas e Esteban Abanqueiro Agrelo, respectivamente.

PUBLICIDADE