A Factoría de Innovación da Coruña expón as vantaxes e atrancos da tecnoloxía para as PEME galegas

mércores, 28 de maio do 2014 Redacción

O pasado xoves 22 de maio tiña lugar no edificio FEUGA (Santiago de Compostela) a xornada Tecnoloxía: creación, posta en marcha e protección, organizada pola Factoría de Innovación da Coruña, en colaboración co Clúster TIC Galicia, co obxectivo de encamiñar ás PEME sobre as vantaxes e oportunidades que achega a tecnoloxía como ferramenta competitiva, así como a importancia de coñecer os aspectos legais básicos de cara a protexer os proxectos tecnolóxicos desenvolvidos por unha empresa ou unha institución.
Para diferenciarse da competencia e acadar o éxito, no encontro recomendouse ás PEME que identifiquen o seu posicionamento e capacidades tecnolóxicas e desenvolvan unha estratexia acorde, empregando os seus propios recursos ou recorrendo á transferencia tecnolóxica, beneficiándose do coñecemento doutras compañías, universidades e organismos públicos de investigación.
José María Ameijenda, avogado especializado en Propiedade Intelectual, explicou as claves e os termos legais que deben terse en conta á hora de manexar diferentes tecnoloxías. Salientou a importancia que teñen conceptos como a titularidade legal dos dereitos de autor, así como a regulación do tipo de explotación, licenzas de uso ou transmisión destes dereitos no caso de acordos de transferencia tecnolóxica.
Toni Pons, director xeral da Fundación CETIM, compartiu cos asistentes, a modo de showroom, algúns exemplos de iniciativas realizadas por este organismo para achegar solucións tecnolóxicas á contorna industrial de Galicia. Entre os traballos presentados fíxose fincapé no sistema Activa-t, para monitorizar a actividade física nos ximnasios, ou o proxecto Recures, que permite a reutilización de residuos procedentes da lousa, o mexillón ou o granito na fabricación de cementos ou cerámicas.
Dicir que a xornada foi clausurada cunha mesa redonda na que Ángeles Montecelo, de Tórculo Comunicación Gráfica, Ramón Corujo, doutro Enfoque, e María José Fares Varela, de Recursos e Servizos Xerontolóxicos Galegos, contaron a súa experiencia na xestión de empresas de base tecnolóxica.

PUBLICIDADE