A FIC da UDC reúne ao secretario xeral de Universidades cos coordinadores dos mestrados de excelencia

xoves, 4 de maio do 2023 S. P.

A Universidade da Coruña lidera en Galicia a listaxe de excelencia nos seus másteres con sete títulos distinguidos con esta mención

Este xoves 4 de maio o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, e a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, reuníronse na Facultade de Informática da Coruña co secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro para manter unha xuntanza de traballo, na que tamén estiveron presentes o decano do centro, Mariano Cabrero, con vistas a recibir aos coordinadores e coordinadoras dos mestrados (masters) que obtiveron a mención de excelencia da Xunta de Galicia para analizar a súa repercusión nas titulacións.
Esta distinción, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, acredita, por unha banda, o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que conseguen este recoñecemento; e, por outra banda, tamén supón unha garantía de futuro para o alumnado. A obtención deste selo, que ten unha vixencia de cinco anos e con posibilidade de renovación, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico que posúen as accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario.
Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos na convocatoria, que inclúen aspectos xerais do mestrado como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboran directamente co mestrado, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e existencia de titorización e mentorización individual. Outros aspectos que se tiveron en conta foron os resultados do mestrado (enquisas e satisfacción, seguimento dos egresados no mercado laboral…), a estratexia (visión, misión e desenvolvemento futuro do master, o plan de xestión para os cinco vindeiros anos académicos e as melloras previstas en caso de obter a mención), o plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos adicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías docentes innovadoras), o profesorado, ou as estratexias de emprendemento.
Os mestrados premiados con esta distinción son o Máster Universitario en Enxeñaría en Informática (MUEI) no curso 19/20, o Máster Universitario en Bioinformática para Ciencias da Saúde (MUBICS) no curso 20/21 e os Máster Universitario en Matemática Industrial (MUMI) e Máster Universitario en Computación de Altas Prestacións (MUCAP) no curso 21/22, estes últimos interuniversitarios. Cómpre salientar que nas tres convocatorias, das nove concesións ao Sistema Universitario Galego, a Universidade da Coruña é a que ostenta o maior número, pois aos mencionados súmanse o Máster Universitario en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, o Máster Interuniversitario en Biotecnoloxía Avanzada e o Máster en Produción Xornalística e Audiovisual.

PUBLICIDADE