A FIC amósalle ao novo reitor o seu amplo potencial educativo e tecnolóxico

luns, 20 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

O novo reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, segue adiante coas súas roldas de visitas e achegamentos á actividade cotiá dos centros que forman parte da UDC. Armesto, que relevou a Xosé María Barja a comezos do ano á fronte da entidade educativa, participou os días pasados nunha xuntanza de traballo co equipo decanal dunha das facultades que, por contidos e actividades desenvolvidas, máis nos colle de preto das que teñen sede nos dous campus da UDC: a FIC.
Acompañado polo vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, e o vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías, Julio Abalde, reuniuse co equipo decanal da facultade que dirixe Alberto Valderruten. Entre os temas a tratar polo miúdo figurou a capacidade de alcance do Grao en Enxeñería Informática que se imparte neste centro e que ofrece tódolos vieiros educativos da dita titulación, un total de cinco: Computación, Enxeñaría de Computadores, Sistemas de Información, Tecnoloxías de Información e Enxeñaría do Software. Tamén se debateu sobre as implicacións de VPN, unha ferramenta que a FIC pon a disposición da súa comunidade educativa co fin de permitirlles aos alumnos estudar dende cadanseu fogar con acceso remoto, na nube, “coma se estiveran a traballar nos laboratorios do centro e con todas as esixencias de seguridade garantidas”, informa a UDC. Lembrar que o servizo habilitouse hai agora dous anos, e que ao longo da súa andaina confirmouse como un dos mellor valorados da Universidade, cunha nota de 4,5 sobre 5 na enquisa de avaliación de resultados.

PUBLICIDADE