A FIC acolle unha conferencia sobre o noso futuro demográfico

xoves, 5 de abril do 2018 Redacción

O grupo de investigación Modelización, Optimización e Inferencia Estatística (MODES) da Universidade da Coruña organiza este 6 de abril, na Facultade de Informática do Campus de Elviña, a conferencia Galicia: pasado, presente e futuro desde a perspectiva das operacións demográficas do Instituto Nacional de Estatística (INE). A sesión, un achegamento ao noso porvir poboacional (cos seus problemas estruturais, cun marcado índice de envellecemento e cun claro proceso de concentración nas cidades e nas vilas de meirande tamaño e actividade económica) dende unha óptica de cálculo a gran escala, contará coa presenza do director adxunto de Estatísticas Socio-Demográficas do INE, Jorge Luis Vega Valle, titulado pola UDC.
A conferencia desenvolverase ás 12:30 horas na aula de graos Víctor Gulías. Segundo informa o grupo MODES para poñernos en situación, a xornada responde a unha presenza cada vez maior nos medios de novas e reportaxes relacionadas cos parámetros demográficos, botando luz sobre estes e sobre os procesos para darlles corpo. Na conferencia de Vega Valle incluirase unha breve mención á metodoloxía empregada polo INE nas diversas operacións demográficas que realiza. Así mesmo, detallaranse, para o caso concreto de Galicia, e realizando un desglose para cada un dos diversos compoñentes demográficos (nacementos, defuncións, inmigracións, emigracións) a evolución dos indicadores máis relevantes. Por último, incluiranse comparativas co resto de España e tamén a nivel europeo que axudarán a ter unha perspectiva máis global da situación demográfica galega.

PUBLICIDADE