A FIC acolle este venres a cuarta edición do PhDAy-EIO

xoves, 22 de febreiro do 2024 S. P.

As tres universidades galegas celebran este venres 23 de febreiro, a cuarta edición do PhDay-EIO, un encontro para que o alumnado do Programa Oficial de Doutoramento en Estatística e Investigación Operativa expoña os seus proxectos e intercambie achados, ideas e coñecementos con outros estudantes e/ou investigadores. Desta volta, o encontro terá lugar na Facultade de Informática da UDC e contará co patrocinio do CITIC.
Segundo explican fontes do CITIC, o PhDay-EIO é “a ocasión perfecta para establecer conexións co persoal investigador e con outros compañeiros de doutoramento, así como un lugar no que divulgar o traballo realizado en materia de estatísticas, investigación operativa e optimización”.
Ademais, no transcurso do evento premiarase á mellor comunicación oral cun galardón concedido pola Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGaPEIO), no que se valorará a investigación presentada, especialmente o carácter divulgativo da mesma.
O comité organizador desta edición está constituído polos doutorandos deste programa: Beatriz Piñeiro Lamas, Blanca Estela Monroy Castillo, Jorge Castiñeiras Rella, Marta Rodríguez Barreiro, Alicia Mascareñas e Naomi Diz Rosales.

PUBLICIDADE