A FIC acolle esta semana a cuarta edición de Big Data Coruña

martes, 2 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A información da que hoxe dispoñemos non é nada comparada coa que teremos nun prazo de cinco anos. Isto guinda unha serie de desafíos relevantes, sobre todo porque o chamado Big Data (o coñecemento a gran escala) achega oportunidades de valor para resolver calquera problema social, económico ou científico que se nos propoña. A cuestión está no seguinte: cales están a ser e cales serán as mellores metodoloxías para tratar, xestionar a analizar a información? Responder a este tipo de preguntas é un dos grandes obxectivos e Big Data Coruña 2018, que se celebra esta semana, os días 4 e 5 de outubro, na Facultade de Informática (FIC).
O evento, que vai pola súa cuarta edición, xuntará expertos en tecnoloxía e analítica de datos en dúas xornadas que abordarán os novos retos aos que se enfronta esta disciplina.
Este encontro está organizado pola investigadora do CITIC Amparo Alonso-Betanzos, que é tamén presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial e Catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC; e David Martínez, investigador da área Big Data da University College London (UCL) e director da área de investigación de Spartan Data.
As xornadas contan coa colaboración do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, a Xunta de Galicia, a Rede Española de Big Data e Análise de Datos Escalables e a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC.
Segundo lembra o CITIC, Big Data Coruña 2018 servirá de punto de encontro entre a comunidade académica, pero tamén para empresas e organizacións interesadas na información a gran escala, un ámbito de investigación que é tendencia tanto pola súa aplicación como pola súa posta en valor nunha ampla variedade de ámbitos.


PUBLICIDADE