A FIC acolle a partir deste xoves a cuarta edición das Xornadas de Seguridade

mércores, 22 de febreiro do 2012 Redacción

A Facultade de Informática acollerá a partir de mañá xoves, 23 de febreiro, a cuarta edición das Xornadas de Seguridade, que congregarán, unha vez máis, a algún dos máis senlleiros especialistas de España neste eido da protección e salvagarda dos datos, unha cuestión cada vez máis importante, debido ao aumento constante dos usurarios das redes e, polo tanto, dos propios datos. As xornadas prolongaranse ata o día 25 de febreiro e ademais das charlas incluirán diversos obradoiros para os que aínda está aberto o prazo de inscrición.
Este encontro está organizado pola Asociación de Seguridade da Información da Coruña (GSIC), un grupo dedicado a favorecer o desenvolvemento, estudo e investigación da problemática da seguridade nos sistemas de información e comunicacións, axudando así a concienciar a empresas, universidades e público en xeral sobre a importancia deste campo e dos riscos que representa o seu descoñecemento.
O GSIC trata de dar a coñecer as distintas problemáticas de seguridade que presentan as redes e sistemas informáticos, propoñendo solucións que se poden adoptar para salvagardar a integridade e confidencialidade dos activos dixitais.
Con respecto ao programa das xornadas, comezarán mañá xoves ás 10.30 horas coa conferencia de Francisco Javier Novoa, instrutor de CISCO e profesor da Facultade de Informática da Coruña, que falará sobre as tecnoloxías de seguridade en Switches. A continuación intervirá o coñecido consultor Chema Alonso, da empresa Informática64, que converte sempre as súas conferencias nun espectáculo no que demostra as fisuras da seguridade. Nestas xornadas tamén participarán expertos como David Barroso (senior Security expert en Telefónica), Pedro Sánchez (I. Security & Forensics Consultant at BitDefender & Google), Caridy Patiño (Senior Front End Engineer at Yahoo!), Alfonso Muñoz (R&D Security Researcher. Postdoctoral research) Diego Fereiro (Software Engineer en Yahoo!), Ángel Prado (Senior Product Security Engineer at Salesforce.com), Sherab Giovaninni (Malware Researcher at Panda Antivirus), Roi Mallo (Security Researcher), Jose Selvi (Senior Auditor at S21Sec), Alberto Partida (Information Security Professional), Jose Luis Verdeguer (System Administrator at ZoonSuite), Jesús Rubio (Security Researcher) e Sebastian Guerrero (Crimeware Researcher en MalwareInt).

PUBLICIDADE