A FIC abre a semana vindeira cunha xornada sobre os segredos e vantaxes da nube

venres, 13 de abril do 2012 Redacción

A Facultade de Informática da Coruña nunha foto de csmartinez vista en Panoramio

A semana que vén comeza forte na nosa terra en materia de divulgación TIC. Máis polo miúdo, en materia de divulgación da nube, que é como se coñece un tipo de computación de especial potencial para as empresas de toda índole, ao ser unha serie de recursos que lles permiten levar a cabo todo tipo de operacións (xestión, comunicación, promoción, etc) dende calquera lugar, grazas entre outras cousas ao progreso e mellora das redes e os equipos e á posibilidade de poñer fóra da nosa empresa todo tipo de actividades (externalización). A cita será no salón de actos da Facultade de Informática da Universidade da Coruña acollerá este luns 16 de abril.
A xornada, que se desenvolve baixo o epígrafe Subímonos á nube? estará centrada nunha tecnoloxía que, segundo informa a Universidade da Coruña, é a de máis rápido crecemento na industria das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e que, a xuízo dos especialistas no eido tecnolóxico-dixital, suporá unha revolución para todos os usuarios da informática. A inauguración da xornada terá lugar ás 16:30 horas, a cargo do decano da Facultade de Informática da Coruña, Alberto Valderruten, así como do presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, Fernando Suárez, e o Amazon Web Services Iberia Manager, Mario Herraiz.
Entre os participantes na xornada figura Carlos Condé, de Amazon Web Services; así como Ricardo Galli, fundador de Menéame, Ramón Costa, director do Data Centrar de Altia; Isidro Parga, responsable de grandes contas de Tecnoloxías Plexus. Todos eles presentarán as súas experiencias ao longo da tarde sobre os desafíos e oportunidades da computación na nube.
A xornada é de acceso libre e de balde ata completar o aforo, e está organizada polo Máster HPC; o Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña e Amazon Web Services, coa colaboración de diversas entidades, ademais da propia Facultade de Informática.

PUBLICIDADE