A FECYT adxudica en Galicia 335.700 euros para 19 proxectos de divulgación científico-tecnolóxica

mércores, 3 de novembro do 2021 S. P.

A Maker Faire Galicia é unha das actividades beneficiadas nesta convocatoria

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) adxudicou 335.700 euros para desenvolver 19 proxectos de divulgación e comunicación da ciencia e a innovación en Galicia. Fíxoo a través da última convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. Segundo informou, Galicia é a cuarta Autonomía en número de solicitudes concedidas, cunha taxa de éxito do 32,76%, e a quinta en importe concedido. O obxectivo desta achega pública de axudas, en palabras da FECYT “a única destas características a nivel nacional”, é levar a investigación, a tecnoloxía e a innovación á sociedade.
Os proxectos obxecto das axudas agrúpanse ao redor de cinco grandes liñas de actuación: cultura científica, tecnolóxica e da innovación; educación e vocacións científicas; ciencia cidadá; redes de comunicación e divulgación da ciencia e a innovación e pensamento crítico.
Entre as iniciativas que se financiaron nesta convocatoria en Galicia destaca o evento Maker Faire Galicia, impulsado en orixe por Vermis en Santiago de Compostela e que en 2022 celebrará a súa oitava edición. En palabras da fundación, actualmente é a feira maker máis grande de España e unha do cinco maiores de Europa. O obxectivo do evento é xerar un espazo de encontro entre persoas argalleiras de distintos ámbitos da ciencia, a tecnoloxía e a cultura para que “poidan xurdir sinerxías entre elas e compartir o seu coñecemento coa sociedade”. A Maker Faire Galicia está dirixida a todos os públicos, desde profesionais a afeccionados e desde nenos a maiores. Conta con catro bloques diferenciados: expositores, charlas, obradoiros e zona interactiva.
Outro dos proxectos beneficiados é Misión Azul, da Universidade de Vigo, que está baseado no desenvolvemento e adaptación de contidos científicos e a elaboración dun videoxogo interactivo de alta calidade que aborda a realidade do impacto que o cambio climático ten nos océanos do planeta. A través del, lembra a FECYT, “os usuarios poderán interactuar cun ecosistema mariño protexido e modificar as variábeis ambientais afectadas polo quecemento, experimentando interactivamente os seus efectos sobre o medio”. Da man dunha científica mariña, a doutora Mar, obterán explicacións sobre as causas dese efecto, as súas consecuencias ecolóxicas e sociais e as posíbeis medidas de prevención, mitigación ou adaptación que están en mans da sociedade.
Outra das propostas que recibirán os apoios da FECYT será Stat Wars (Episodio II): O Imperio dos Datos, da Universidade de Santiago de Compostela, que regresa á Galaxia para espertar o interese dos estudantes de ESO e Bacharelato cara a unha disciplina considerada hoxe en día como unha das profesións con maior futuro: a estatística. A través deste orixinal formato, ambientado na saga Star Wars, con cada xogo e/ou actividade preténdese potenciar o coñecemento e habilidades da xente nova, coa finalidade de xerar nas mozas e mozos unha actitude positiva cara á estatística.

PUBLICIDADE