A Estación de Manzaneda contará cunha nova app

mércores, 19 de decembro do 2018 Redacción

A Estación de Montaña de Manzaneda está a ser obxecto dunha serie de incorporacións para impulsar os seus atractivos. Estas novidades foron dadas a coñecer onte polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e entre elas inclúese o sistema de neve artificial que xa está operativo esta tempada deportiva. Na cita, na que tamén participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, tamén se deu a coñecer unha aplicación móbil que facilitará o desfrute das instalacións por parte dos seareiros do esquí e, en xeral, dos deportes de montaña. Esta novidades foron impulsadas polas devanditas entidades galegas.
Polo que respecta á ferramenta móbil, o obxectivo é que facilite a venda de abonos a través dos teléfonos. Isto complementarase, tecnoloxicamente falando, con recursos dixitais para facer posíbel da maneira máis sinxela a reserva de equipos por Internet ou a xestión de grupos, equipamentos e clases, entre outras iniciativas.
Estas accións enmárcase nos obxectivos da Estratexia do Turismo de Galicia 2020, que incide na permanente desestacionalización desta actividade e na potenciación dos nosos recursos.

PUBLICIDADE