A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación elixe á profesora Rebeca Díaz como nova directora

xoves, 4 de marzo do 2021 Redacción

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo volve ter unha directora á súa fronte. Trátase da profesora Rebeca P. Díaz, quen acadou o apoio maioritario da xunta de centro nas eleccións celebradas este mércores. A profesora será a segunda muller que se responsabilice da Escola, logo do mandato recente de Edita Lorenzo.
Xunto a Díaz Redondo, o novo equipo directivo do centro está formado polos docentes e investigadores Pedro Comesaña, como subdirector de Organización Académica; María Verónica Santalla, de Internacionalización e Infraestruturas; María Loreto Rodríguez, de Calidade; Laura Docío, de Captación e difusión, e Pedro Salvador Rodríguez, secretaría e novas titulacións. “Creo que as persoas do meu equipo, todas elas doutoras, poden ser definidas coma unha combinación óptima de experiencia e iniciativa”, defende a xa directora electa da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Profesora titular desde o ano 2004, Rebeca P. Díaz Redondo defendeu dende o inicio da campaña electoral o bo traballo desenvolvido polas direccións anteriores e, en concreto, pola agora saínte: “Pola miña banda procurarei reforzar os numerosos puntos fortes da escola e traballar aqueles aspectos que se poden e deben mellorar, tendo en conta os desafíos aos que nos enfrontaremos nos próximos anos”.
No referente á súa experiencia en xestión, por unha banda, dentro do ámbito académico, destaca o seu papel como coordinadora do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e, previamente como secretaria de departamento; e, da outra, admite que onde conseguiu unha experiencia máis ampla no eido da xestión foi como coordinadora de grandes consorcios en proxectos europeos, sendo a primeira persoa da UVigo en coordinar un consorcio do programa Eramus Mundus, Action 2, financiado con máis de 4 millóns de euros, e tamén a primeira en coordinar un consorcio do programa Capacity Building in Higher Education, financiado con case un millón de euros.

PUBLICIDADE