A Escola Politécnica de Lugo celebrou un concurso de geocaching

xoves, 19 de novembro do 2015 Redacción

É ben certo que a rapazada sempre se sentiu atraida polo acto lúdico de atopar un tesouro agochado. Pois os tempos mudan dende moitos puntos de vista, como por exemplo o tecnolóxico... pero o brinquedo en si da busca do tesouro segue a manterse vivo no maxín dos máis novos, desta volta con vantaxes a xeito de trebellos como o GPS (Sistema de Posicionamento Global). Tomando entre as mans este dispositivo deu comezo o primeiro concurso de geocaching para estudantes preuniversitarios. E en que consiste o geocaching? Coñecido tamén co nome de Gymkhana GPS, trátase da actividade de agochar e atopar tesouros en calquera lugar, iso si, coa axuda dun GPS.
E indo a esta primeira edición do concurso de geocaching celebrado na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, cómpre dicir que estamos perante un certame, encamiñado a estudantes preuniversitarios, que contou coa participación de máis de 50 alumnos de cuarto curso de ESO de Bacharelato procedentes de sete centros educativos de Galicia: IES de Ortigueira, IES Carlos Casares,de Viana do Bolo, IES Ánxel Fole de Lugo, IES Río Miño de Rábade, IES Enrique Muruais de A Pontenova, IES A Pinguela de Monforte de Lemos e Centro Educativo Galén de Lugo.
O gañador do concurso de geocaching, organizado pola Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topográfica, resultou ser o equipo do centro educativo Galén, de Lugo, integrado por: Antón Carral, María Durán, Ignacio López, Álvaro Olloqui e Juan José Rodríguez. Ao remate das probas programadas, os gañadores recibiron como agasallo cadanseu dron, ademais dos diplomas acreditativos.
Pola súa banda, o equipo do IES Carlos Casares, de Viana do Bolo, conformado por: Miguel Pérez, Laura Rodríguez, Álvaro Seoane e Irea Rodríguez, rematou en segunda posición e os integrantes recibiron como agasallo cadanseu par de gafas 3D móbil, amais dun diploma de participación.
Antes do desenvolvemento das probas organizadas, o coordinador do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC no campus de Lugo, o profesor da USC Francisco Javier López González, achegou unha recepción aos estudantes no salón de actos da EPS, o mesmo escenario no que, de seguido, o director deste centro universitario lugués, Tomás Cuesta, e o coordinador do título de grao en Enxeñaría Xeomática e Topografía, Jaime Rodríguez, ofreceron unha presentación desta titulación universitaria ao alumnado preuniversitario (programa de estudos, itinerarios e competencias laborais para as que capacita...).
A profesora da EPS e delegada en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topográfica, María Iniesto, foi a encargada de instruír aos participantes no concurso cunha sesión informativa sobre aspectos e recursos básicos para o manexo do GPS. Ao remate das probas e logo de que os equipos participantes, acharan os geocaches agochados, o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, presidiu a entrega de premios aos gañadores, unha sesión na que tamén participou o presidente en Galicia do Instituto Xeográfico Nacional, Pablo Carballo.

PUBLICIDADE