A ETSE de Santiago acolleu a presentación da plataforma de cursos masivos en liña de Universia

luns, 15 de xullo do 2013 Redacción

Imaxe de Santi Alvite da xuntanza celebrada na ETSE da USC

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría (Santiago) deu acubillo a semana pasada á primeira xornada de Miríada X, a plataforma de cursos masivos en liña en aberto, tamén chamados MOOC, posta en marcha polo Banco Santander e Telefónica. Entre os participantes no acto figuraban persoas premiadas por Universia en diversos certames sobre a xestión de cursos en liña. A xuntanza foi inaugurada polo reitor da USC, Juan Casares, e máis polo conselleiro delegado de Universia, Juame Pagés. A xornada, ademais, contou coa presenza de catro relatores-docentes que amosaron a súa experiencia nos cursos desenvolvidos (un total de 58) entre febreiro e abril deste ano, cursos (MOOC) de balde nos que participaron 300.000 estudantes. Na xornada de Miríada X tamén fixeron acto de presenza o director xeral de Universia, Pedro Aranzadi; e Paloma Barba, de Telefónica.
Miríada X foi posta en marcha, coa colaboración de la Fundación CSEV, por iniciativa de Telefónica, a través de Telefónica Learning Services, e Universia, rede universitaria na que participan 1.242 universidades de 23 países de fala hispana e portuguesa, entre elas a USC. A reunión de Santiago tivo como obxectivo estender a experiencia acumulada a todas as universidades de Universia.
A sesión do venres na ETSE comezou coa charla de María Dolores Castrillo, profesora de Alemán para hispanofalantes da UNED, curso gañador do I Premio MECD-Telefónica Learning Services-Universia ao mellor MOOC de Miríada X, a quen lle seguiu Juan Medina, profesor do curso Matemáticas básicas, gañador do accésit no mesmo certame. A xornada continuou con David Carabantes Alarcón, docente de Xestión da Información Científica en Aberto, da Complutense, e Fernando Cañizal Berini, vicerreitor primeiro e de profesorado da Universidade de Cantabria. Rematou a sesión coa charla Como promocionar a participación de docentes en proxectos de cursos en liña masivos en aberto a cargo de José Morillo-Velarde, subdirector xeral de Centros da Fundación Universitaria San Pablo CEU.

PUBLICIDADE