A ETSE acolle unha exposición sobre o papel da muller na enxeñaría

martes, 21 de setembro do 2010 Raquel Noya

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, que dende a súa creación no ano 2003 nunca deixou de destacar polo seu espírito innovador e pola súa dedicación ás iniciativas máis salientables no ámbito das TIC e as enxeñarías química e ambiental, acolle estes días unha peculiar mostra sobre O papel da muller na enxeñaría, que se manterá exposta ata finais do mes de outubro. A exposición recolle os pósteres elaborados para a exposición MIT: Mujeres en la Informática y la Telecomunicación organizada pola Universidade de Granada, así como o traballo do gañador do I Concurso de Pósteres que convocou a ETSE no pasado mes de maio e no que resultou gañou o estudante Óscar Pardo Planas. Trátase de carteis biográficos dedicados a diversas científicas e tecnólogas destacadas na área das Tecnoloxías da Información e Telecomunicación con material gráfico e as súas achegas científicas máis relevantes.
Entre as mulleres representadas na mostra destacan, entre outras, Frances Allen, que hai dous anos visitou a USC no marco de ConCiencia, ou Mitchel Baker, promotora de Mozilla (coordinadora do famoso navegador Firefox ou do xestor de correo-e Thunderbird) e do software de fontes abertas.

PUBLICIDADE