A ESEI participa nun proxecto que mellora as compras en liña mediante smartphones e tabletas

venres, 14 de novembro do 2014 Redacción

Celso Campos e Iván Rodríguez, investigadores do grupo de Informática Gráfica e Multimedia da Universidade de Vigo

Mercar de maneira presencial xa non é a única canle de realizar esta actividade de transacción, coa chegada das novas tecnoloxías, a chamada compra en liña está en auxe e máis polo miúdo as compras realizadas dende un smartphone ou unha tableta. Segundo os últimos estudos, o 14% das compras online en España xa se realizan dende este tipo de dispositivos, un 280% máis que hai tan só dous anos, e calcúlase que a final de ano o xa chamado m-commerce ou comercio electrónico a través de dispositivo móbil terá movido máis de 1.200 millóns de euros. Atendendo a isto, investigadores do grupo de Informática Gráfica e Multimedia da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense desenvolveron ferramentas que permiten “monitorizar a actividade dos usuarios nos dispositivos móbiles multitáctiles”.
Os recursos atinxen tanto ás típicas actividades de navegación web, fundamentalmente enfocadas a compras en tendas de comercio electrónico, como na interacción en contornas 3D. O resultado chega baixo o nome de GOAL.
Así, logo de dous anos de traballo, amais do sistema que permite monitorizar a actividade, desenvolvéronse uns prototipos funcionais que permiten aos usuarios probar as ferramentas. “É unha espionaxe colaborativa. Cando ti levas a cabo un proceso de compra en liña vas pasando por unha serie de botóns até finalizar a operación. O que se pretende é avaliar en que medida a colocación dos elementos de interface nas tendas de comercio electrónico inflúe nas compras, os diferentes patróns que pode haber e cal é máis eficiente, satisfactorio e directo para o usuario”, explica Celso Campos, un dos investigadores da Universidade de Vigo que colabora no proxecto GOAL xunto con Iván Rodríguez, Javier Rodeiro, Enrique Barreiro, Jorge Nelson Acosta e Rubén Viso. O obxectivo é facer as probas cando está en desenvolvemento a plataforma de comercio electrónico ou “a aplicación que nos interese” para ver que mellorar antes de introducir o produto final.
Cómpre dicir que este proxecto está financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) e coordinado por Indra, e participan xunto á Universidade de Vigo o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e as empresas Redegal, Imatia e Enxenio
Engadir que “xa son 80.000 as descargas realizadas e ten participado moita xente de todos os continentes”, recoñece Rodríguez.

PUBLICIDADE