A ESEI enriquécese coa volta das súas primeiras promocións para obteren os primeiros graduados

mércores, 20 de xuño do 2012 Redacción

O primeiro alumnado do curso ponte, Patricia Grueiro, Marta Fernández, Rafael Veiga e Manuel Conde, remataron os seus estudos coa presentación dos proxectos fin de grao

Segundo fai saber a Universidade de Vigo, a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense está a ser, en certa maneira, unha escola de ida e volta. E non porque o alumnado teña que volver para superar materias pendentes, senón para subir un novo chanzo na súa preparación, xa de por si alta, e para contribuír coa súa experiencia ao enriquecemento da propia Escola. Trátase dun grupo de tituladas/os en Enxeñería Técnica en Informática de Xestión das primeiras promocións da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. Teñen en común que este curso volveron, xunto con outras 15 persoas, a estudar na Escola para seren os primeiros en obter o Grao de Enxeñaría Informática do centro.
Todas/os desenvolven de xeito paralelo un labor profesional, pero aproveitan o seu tempo de lecer para acudir ás clases e mellorar currículo, ao tempo que contribúen, co adquirido na súa traxectoria laboral, á actualización da propia escola. En total, da vintena de tituladas/os, catro son alumnos titulados na ESEI que acoden con cadanseu traballo fin de grao do curso ponte para acceder ao título de graduado en Enxeñaría Informática. Dos catro traballos presentados, tres estaban vinculados co eido educativo. Isto débese a que os estudantes que os realizaron son xa docentes de Ciclos Formativos de Grao Superior en diversos institutos galegos.
Patricia Grueiro presentou unha programación didáctica para o módulo profesional Sistemas de Xestión Empresarial e Marta Fernández realizou como traballo de fin de grao o desenvolvemento da programación didáctica do módulo Administración de Sistemas Xestores de Bases de Datos. Pola súa banda, Rafael Veiga presentou un proxecto de control de asistencia en centros educativos. Nel deseñou unha aplicación web para levar o control de presenza e asistencia do profesorado, alumnado e outros colectivos educativos empregando tarxetas ou chaveiros de identificación por radiofrecuencia e lectores RFID, instalados en plataformas Arduino con conexión á Rede. Manuel Conde, director de Informática de ALERT, amosou a aplicación web de xestión interna de proxectos da súa empresa, dedicada ao sector sanitario, a crear ferramentas de deseño propio que xestionan parte ou todo un centro hospitalario. “Esta ferramenta informática permite facer un seguimento de cada proxecto, dispoñendo de toda a información vinculada a eles, como persoas asignadas, datas importantes, erros, etc.”, sinala Manuel Conde.

PUBLICIDADE