A ESEI de Ourense queda temporalmente sen equipo directivo

martes, 5 de xuño do 2012 Raquel Noya

O proceso de presentación de candidaturas á dirección da Escola Superior de Enxeñaría Informática queda deserto

O pasado venres, día 1 de xuño, remataba o prazo de presentación de candidaturas para a elección dunha nova dirección na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, cuxa elección tería lugar o día 11 de xuño de 2012 de non ter sido pola falta de voluntarios para ostentar o cargo.
Segundo explica o actual director da ESEI, Enrique Barreiro, nas páxinas do DUVI, ao non presentarse ningunha candidatura, “abrirase a partir do vindeiro xoves un período no que será o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a persoa encargada de nomear a un director en funcións para a dirección do centro”.
Seguindo o procedemento previsto nos Estatutos da entidade educativa e na Normativa para a Elección de Decanos e Directores de Centro, este luns realizouse a proclamación provisional da lista de candidaturas, que pasará a ser definitiva o xoves día 7, unha vez rematado o prazo estipulado para a presentación de posibles reclamacións.
No DUVI informan, asemade, que actualmente o equipo directivo da Escola Superior de Enxeñaría Informática está encabezado polo seu director, Enrique Barreiro, “responsable último do funcionamento do centro e encargado de aplicar os acordos dos órganos colexiados, executar o orzamento e representar á Escola tanto dentro da Universidade como ante as institucións e a sociedade en xeral”. Completan este equipo directivo María José Lado, subdirectora de Organización Académica; Francisco Javier Rodríguez, subdirector de Sistemas e Infraestruturas; Eva Lorenzo, subdirectora de Calidade e Adaptación ao EEES, e Alma María Gómez, secretaria do centro.

PUBLICIDADE