A ESEI de Ourense homenaxea a Ada Byron, símbolo da loita pola reivindicación na muller nas TIC

venres, 6 de setembro do 2013 Redacción

O nome de Ada Byron, símbolo da procura dun sistema tecnolóxico e científico igualitario, vai ter aínda máis presenza na nosa terra. A partir de agora, non será só o nome do premio co que o CPEIG premia o labor das nosas mulleres no eido das TIC (primeiro Luz Castro e logo Susana Ladra), senón tamén o dunha das aulas da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense (UVigo). Así se deu a coñecer este xoves, no acto de homenaxe á primeira programadora da historia, celebrado no dito centro e co obxectivo de amosar e reivindicar o papel da muller no eido tecnolóxico.
Segundo informaron os presentes, “Ada Byron herdou a rebeldía e a paixón do pai e a intelixencia e a disciplina férrea no traballo da nai, combinación que fixo de Augusta Ada Byron, unha rapaza nacida na Inglaterra de 1815, unha muller excepcional que pasou a formar parte da historia polas súas achegas ao avance da ciencia e a tecnoloxía”. Como lembraremos está considerada a primeira muller informática e programadora, e súa foi a proposta de usar o sistema binario e a lóxica da programación, entre outras moitas cousas.
María Lameiras, vicerreitora do Campus de Ourense; Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e o catedrático do centro Manuel Pérez Cota foron os encargados de presidir un acto que se celebrou no marco da programación de inauguración do curso 2013/2014. Segundo fixo saber Lameiras, “Augusta Ada Byron foi unha pioneira no seu eido e unha pioneira como muller. Por este motivo é unha satisfacción que esta aula leve o seu nome, co desexo de que se converta nun espazo no que compartir en paridade”. En titulacións como as do eido da informática, “na que a porcentaxe de mulleres é claramente inferior á de homes e na que a pesar dos esforzos realizados non se consegue inverter a situación”, apuntou Ana Garriga, “é especialmente interesante dar ás mulleres exemplos a seguir como o da homenaxeada este xoves na ESEI”.

PUBLICIDADE