A ESEI de Ourense celebra o seu 20 aniversario

luns, 3 de outubro do 2011 Raquel Noya

Alá polo ano 1991, cando os adiantos tecnolóxicos estaban a anos luz do que son hoxe e os ordenadores persoais de 8 bits eran os reis do mercado, abría as súas portas a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, que celebra agora o seu 20 aniversario.
Dende entón, nas aulas desta facultade formáronse preto de 3.000 alumnos e alumnas que, segundo afirman dende o DUVI, “teñen contribuído de xeito imporante a mudar o panorama das novas tecnoloxías en Galicia”.
A ESEI celebrou o pasado venres o acto de graduación de 80 alumnos de grao e posgrao e aproveitou para conmemorar os 20 anos de vida da institución, cun acto cheo de nostalxia e humor onde non faltaron as homenaxes aos protagonistas desta historia.
Din dende o xornal da Universidade de Vigo que o centro comezou a súa andaina “cun cento de alumnos e sen computadores”, e engaden que “lle permitiu a Ourense vivir de primeira man a eclosión da informática e da revolución social e económica que supuxo e que está a supor”.
O diario electrónico recolle, asemade, as palabras de Salustiano Mato, o reitor da Universidade de Vigo, que interveu no devandito acto, quen afirma que “malia estar nun momento crítico, a Universidade de Vigo está tendo agora os mellores resultados en prestixio da súa historia, grazas ás persoas que forman parte desta Universidade”; “e iso é unha evolución da que esta Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense é un bo exemplo”, conclúe.
No acto tamén interveu o director da ESEI, Enrique Barreiro, quen afirmou “sentirse orgulloso do noso pequeno anaco de historia, destes vinte anos, cos seus defectos e virtudes”. Barreiro fixo un repaso polas persoas e os feitos que marcaron a evolución do centro, e afirmou que malia que o futuro pode dar medo, “o feito de saber que fomos quen de superar estes 20 anos danos seguridade para enfrontar o futuro que veña”, augurou.
O evento comezou coa celebración do acto de graduación de 80 alumnos do curso 2010/2011 das catro titulacións do centro, como son Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión; Enxeñaría en Informática; o Máster en Consultaría de Software Libre e o Máster en Sistemas de Software Intelixentes e Adaptables.

PUBLICIDADE