A ESEI de Ourense achega unha iniciativa innovadora de mentorado de estudantes

mércores, 23 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense vén de pór en marcha unha experiencia piloto de mentoring, ou sexa, unha iniciativa pioneira e innovadora que busca achegar unha servizo de tutela, seguimento e cobertura aos estudantes. Este servizo terá o valor engadido de vir da man de alumnas e alumnos do mesmo centro, pero cun meirande grao de experiencia e de formación. Segundo confirmou a ESEI, “o proxecto permitirá ao alumnado de novo ingreso contar co apoio de estudantes de últimos cursos do centro”. A iniciativa, que arrancará este cuadrimestre cunha ducia de mentores previamente formados, é pioneira no Campus de Ourense.
Segundo explicou a profesora María José Lado, unha das impulsoras do proxecto, “a idea nace coma unha mellora incorporada ao Plan de Acción Titorial da nosa Escola Superior de Enxeñaría Informática e pretendemos que sexa unha experiencia que poida beneficiar tanto ao alumnado destinatario final coma ao alumnado mentor”. Por exemplo, á hora de incrementar a empregabilidade de uns e outros (os que reciben a tutela por acadar meirande adestramento e os que a subministran por adquirir experiencia pre-profesional de liderado de persoas e equipos de traballo).
A iniciativa arrancou coa celebración da formación dos 13 alumnos e alumnas de terceiro e cuarto curso do centro que se animaron a participar na iniciativa. O curso, titulado Liderado, intelixencia emocional e mentoría: curso de competencias para alumnado mentor, tivo unha duración de dez horas. Impartido pola empresa RH Positivo, a formación consistiu en tres sesións celebradas en novembro e decembro de 2018 e en xaneiro de 2019, nas que os estudantes afondaron en intelixencia emocional, intelixencia social e liderado, aprendendo tamén a mentoría como metodoloxía de acompañamento do desenvolvemento doutras persoas.
Belén Varela foi a persoa encargada de impartir esas sesións formativas. “É unha iniciativa experimental aquí pero da que temos moi boas experiencias na Universidade de Vigo”, comenta Varela facendo referencia ao Plan MEET-UVigo no que participan as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación e de Enxeñaría de Minas e Enerxía e as facultades de Filoloxía e Tradución, Química, Ciencias do Mar e Ciencias Económicas e Empresariais.
A profesora Belén Varela sinala que os conceptos aprendidos durante o dito curso serán trasladados á práctica este cuadrimestre, con actividades mensuais entre os estudantes formados para mentores e os de novo ingreso, que no centro ascenden a arredor de 110.

PUBLICIDADE