A ESEI acollerá en outubro a fase final do primeiro hackathon turístico galego-portugués

martes, 13 de setembro do 2022 S. P.

O primeiro Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación abordará os principais desafíos de sustentabilidade do sector turístico en Galicia e norte de Portugal. A iniciativa, nada no marco do proxecto galego-luso Emprende Makers, reunirá a alumnado, emprendedores e profesionais de diferentes eidos para facer propostas innovadoras e cun importante compoñente tecnolóxico neste eido.
Emprende Makers
Liderado polo Concello de Ourense, Emprende Makers ten como entidades beneficiarias, na parte galega, á Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e á Universidade de Vigo, e por parte lusa ás cámaras municipais de Paredes de Coura, Melgaço e Vila Nova de Famalicão e á Universidade do Minho. O proxecto pretende crear e desenvolver unha rede de emprendemento baseada en centros de fabricación dixital e prototipado da Eurorrexion Galicia-norte de Portugal que actuará como un espazo común de innovación tecnolóxica e creativa.
Presentación
A convocatoria do Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación foi presentada este luns 12 de setembro no Campus de Ourense por Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI); Armando Ojea, tenente alcalde do Concello de Ourense, e César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense.
No transcurso do acto, Francisco Javier Rodríguez subliñou que, en xeral, “temos todos a idea de que un hackathon é un evento só de informática, de programación, pero neste caso buscamos que sexa un laboratorio de ideas multidisciplinar, cun compoñente de informática, web ou tecnoloxía” e centrado nun reto concreto.
Pola súa banda, Armando Ojea lembrou "a sensibilidade" do Concello de Ourense “coa promoción da tecnoloxía punteira”, destacando que “a sustentabilidade no turismo empeza a ser unha cuestión que comeza a ser delicada” debido á súa masificación. Por último, César Fernández subliñou que Emprende Makers é un exemplo "da colaboración e cooperación institucional e administrativa" e puxo en valor deste hackathon o feito de que permite “recoller as ideas da sociedade” e fomentar a participación cidadá.
A xeira de traballo colectivo presentada este 12 de setembro reúne a alumnado ou profesionais de diferentes ámbitos e ten como principal obxectivo “resolver desafíos nun tempo específico, curto e continuo”.
As propostas poden estar centradas en calquera ámbito urbano, rural ou natural deste territorio, así como calquera outra vila, comarca ou paraxe singular. O desafío é aumentar o turismo en Galicia, Norte de Portugal ou en ambos territorios cun enfoque transfronteirizo. “Buscamos solucións tecnolóxicas, deseños de proxectos ou procesos innovadores que contribúan á mellora do posicionamento de Galicia, o norte de Portugal ou de ambos espazos como destino turístico”, sinalan desde a organización. Os proxectos deberán centrarse nun ou en varios dos elementos diferenciadores deste territorio ou calquera outro elemento do seu patrimonio natural ou cultural, material ou inmaterial. Estes elementos terán que estar integrados nas propostas a presentar de forma que poidan funcionar como pancas para aumentar a afluencia de visitantes e a atracción de turismo de calidade.
A actividade terá un formato híbrido (primeira fase online) e segunda fase (final), que se celebrará de modo presencial na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense os días 14 e 15 de outubro. Os equipos serán de tres a cinco persoas, equipos que poden presentarse xa pechados ou ser formados pola organización no caso das persoas que se inscriban a título individual. Trala configuración de equipos e a admisión das súas ideas de proxecto, comezará unha fase de mentoring virtual de cada proposta a cargo de especialistas para na fase presencial rematar os proxectos e presentalos ao xurado. Catro serán os equipos premiados, oscilando a contía dos galardóns dos 500 aos 2000 euros. A inscrición está aberta ata o 25 de setembro a través da web do evento.

PUBLICIDADE