A EPS de Enxeñaría exhibe un dos primeiros GPS de dobre frecuencia que entraron en servizo en Lugo

luns, 6 de marzo do 2023 S. P.

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC amosa estes días, nas súas instalacións, un GPS Leica de dobre frecuencia, que é, segundo fontes da universidade, “un dos primeiros dispositivos tecnolóxicos que posibilitaron que os investigadores da sede universitaria luguesa puideran realizar de medicións topográficas de alta precisión a finais do século XX”.
A doazón deste instrumental científico no seu tempo moi avanzado veu da man do profesor xa xubilado José Antonio Pardiñas. A USC destacou que esta cesión permite á EPS de Enxeñaría rememorar os seus primeiros pasos no ámbito da Topografía.
Segundo sinalou a directora da EPSE, Rosa Romero, estes equipamentos manteñen viva “a pegada e memoria de Pardiñas nun centro no que exerceu como docente durante as última tres décadas”.
O profesorado da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría aproveitou a entrega deste material ao centro para tributar un particular homenaxe ao profesor Pardiñas no marco un acto sinxelo, no que tamén se puxo de manifesto o feito de que a disposición deste equipamento tecnolóxico permite ao alumnado actual e futuro coñecer de primeira man como evolucionou a investigación neste ámbito.

PUBLICIDADE